A Xunta recibe 13 ofertas para executar as obras de mellora de firme en 3 estradas das comarcas de Santiago, Arzúa e Barbanza, que suporán un investimento de máis de 1 M€

Trátase de actuacións nas estradas AC-453, AC-960 e AC-305 nos concellos de Santiago, Ames, Val do Dubra, Boqueixón, Touro e Boiro

Os traballos inclúen o fresado e reposición do firme e a instalación da sinalización
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu un total de 13 ofertas para executar as obras de mellora de firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas de Santiago, Arzúa e Barbanza, que suporán un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

As actuacións consistirán no acondicionamento da capa de rodadura nos treitos máis deteriorados da estrada AC-453, de Roxos a Portomouro; da AC-960, desde A Susana ao límite con Vila de Cruces; e da AC-305, entre Padrón e Ribeira.

Estas obras levaranse a cabo nos distintos tramos da citadas vías autonómicas, ao seu paso polos concellos de Santiago, Ames, Val do Dubra, Boqueixón, Touro e Boiro.
Os traballos nas zonas máis deterioradas centraranse no fresado e na reposición do firme, traballando en anchos variables dependendo da posición e extensión das deficiencias. Nas zonas co firme fisurado pero sen deformación, a rehabilitación consistirá na extensión dunha capa de rodadura en todo o ancho do carril.

A intervención da Xunta completarase coa reposición da sinalización horizontal e do balizamento, ademais do repintado nas zonas nas que se realice o fresado e a mellora do firme.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.