En Galicia un 25% da poboación consume auga a través de redes veciñais ou autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados

A Xunta lanza a convocatoria para promover plans municipais de abastecemento autónomo entre os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes cun investimento de 900.000 euros

Trátase de dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal

Os concellos interesados contan co prazo dun mes para manifestar a seu interese

Augas de Galicia financiará a elaboración destes plans nos 6 concellos que resulten seleccionados, que analizarán, no seu conxunto, ata 200 sistemas veciñais de abastecemento de auga de consumo

Os concellos seleccionados comprométense a acordar no pleno municipal a participación na elaboración do plan e, unha vez realizado, a tramitalo e aprobalo

A Xunta busca fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable

O Goberno galego habilitou o pasado ano unha nova liña de axudas para a mellora das instalacións en traídas veciñais

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, lanza hoxe a convocatoria para promover a implantación de plans municipais de abastecemento autónomo entre os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, ao que destinará un investimento de 900.000 euros.

A iniciativa da Xunta persegue que os concellos dispoñan de información detallada sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación, máis alá das súas redes municipais, e que conten cun instrumento básico para planificar as intervencións de mellora precisas, que redundará na mellora da prestación deste servicio básico, de competencia municipal.

Os concellos interesados contan co prazo dun mes para manifestar a seu interese en participar nesta iniciativa e para presentarse á mesma. Augas de Galicia remitiu hoxe esta convocatoria a todos os concellos de menos de 5.000 habitantes, que poden tamén acceder a toda a información na seguinte ligazón da web da Xunta: https://xurl.es/g6t5j

Mediante esta convocatoria, Augas de Galicia vai contribuír á elaboración dos Plans municipais de abastecemento autónomo en 6 concellos.

Os obxectivos específicos do desenvolvemento destes plans son, en primeiro lugar, mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo de cada un dos concellos, a poboación abastecida por eles e o nivel de garantía do servizo que prestan e as súas vulnerabilidades. Esta primeira parte, permitirá a continuación, identificar e priorizar as actuacións necesarias en materia de abastecemento autónomo nos distintos concellos.

O detalle da convocatoria

A través desta convocatoria, Augas de Galicia pretende coñecer as necesidades municipais en materia de abastecemento autónomo, a información dispoñible, o interese dos concellos e dos propios usuarios no desenvolvemento de plans municipais de abastecemento autónomo no seu ámbito territorial e o seu grado de compromiso co resultado dos mesmos.

Entre as expresións de interese recibidas desde os concellos, a entidade hidráulica da Xunta seleccionará os concellos máis axeitados para o desenvolvemento dos plans, financiando a análise de ata 200 pequenos sistemas de abastecemento de auga de consumo nestes municipios.

Augas de Galicia tamén dirixirá e supervisará os traballos de elaboración, acompañará e asesorará aos concellos durante todo o proceso e divulgará os resultados, fomentando a elaboración de máis plans municipais de abastecemento autónomo.

No caso de seren seleccionados, os concellos que concorren a esta convocatoria, contribuirán á elaboración do plan de abastecemento autónomo subministrando a información e recompilando os datos necesarios, actuando como enlace coa poboación beneficiaria, informándoa en todo momento dos avances e promovendo a súa implicación.

Ademais, as entidades locais comprométense a aprobar no pleno municipal a participación na elaboración dos plans e, unha vez elaborado, a tramitar e, no seu caso, aprobar o propio plan municipal de abastecemento autónomo.

Este programa xurde como resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidad de la Xunta de Galicia. Grazas os proxecto piloto desenvolvido en Abegondo, comprobouse a viabilidade técnico-económica dos sistemas autónomos de xestión veciñal en contraposición cos centralizados de titularidade pública na dotación dos servizos da auga ás localidades do rural disperso.

O traballo da Xunta

Cómpre destacar que actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas, sobre unha poboación de 2,7 millóns, consumen auga a través de solucións autónomas. Un 10 % dos galegos abastécese a través de redes veciñais e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados.

Neste contexto, nos últimos anos a Xunta ten como obxectivo estratéxico fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos, en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou en xeral moito menos eficaz para estes lugares.

Así, o organismo presidido por Ethel Vázquez, está traballando en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento.

Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou o ano pasado, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais.

Doutra banda, con este novo programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus termos municipais, así como as propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.

Imaxes relacionadas