O presidente da Xunta reuniuse hoxe co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones

Feijóo cualifica de “erro” o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central á Lei de saúde e apela ao diálogo para avanzar nunha solución extraxudicial

Incide na necesidade de que se celebre unha Conferencia de presidentes para abordar o baleiro xurídico tralo remate do estado de alarma

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou de “erro” o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central á Lei de saúde aprobada polo Parlamento galego. “Entendemos que é un erro, desde o punto de vista sanitario e político, porque o lóxico é falar antes de denunciar e non falar coa denuncia xa interposta”, aseverou, apelando ao diálogo para “avanzar nunha solución extraxudicial que devolva o vigor á lei para a xestión na Comunidade”.

Durante unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou tamén a necesidade de que se celebre unha Conferencia de presidentes para abordar o baleiro xurídico tralo remate do estado de alarma; “para que o Goberno central e os presidentes autonómicos poidamos concretar que cuestións -como os peches perimetrais ou o toque de queda- se manterán vixentes ou non”, precisou, facendo fincapé na incerteza xurídica que se aveciña co fin do estado de alarma.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico aproveitou a xuntanza para demandar novamente que o Goberno central garanta a concorrencia competitiva, a obxectividade e a transparencia na distribución dos fondos europeos Next Generation; así como que se precisen os criterios de reparto dos fondos de rescate aprobados polo Executivo, nos que Galicia está “por debaixo do que nos corresponde”.

Máis alá das consecuencias da covid-19, o titular da Xunta referiuse tamén á crise industrial que está a sufrir a Comunidade por mor das decisións do Goberno, facendo especial fincapé na transición enerxética e na Lei de cambio climático. “Estamos a falar de 16.000 postos de traballo no seu conxunto”, aseverou, recordando tamén o grave problema económico e social que vive a comarca de Ferrolterra ante a falta de carga de traballo de Navantia.

En materia de infraestruturas, ademais das bonificacións da AP-9 acordadas co Ministerio de Transportes, Feijóo expuxo a importancia de que se cumpran os prazos anunciados da alta velocidade, así como a concreción do material rodante. “E tamén lle trasladei que hai autovías que están atrasadas, como a autovía Lugo-Santiago; e outras que están paralizadas, como a de Lugo-Ourense ou a autovía da Mariña lucense”, engadiu.

Por último, o presidente da Xunta insistiu na necesidade de que o Goberno elimine a taxa de reposición que permita á Comunidade ofertar 3.000 postos de traballo estables tanto en educación como en sanidade. Ademais de demandar un compromiso económico explícito co Xacobeo 21-22; “estamos finalizando o primeiro semestre do ano 21 e non temos ningunha confirmación, nin ningunha contía por parte do Goberno de España”, aseverou.
 

Imaxes relacionadas