A Xunta recibe 10 ofertas para executar as obras de renovación integral do firme en máis de 30 quilómetros da estrada PO-552 e nun treito da PO-325, que suporán un investimento de 1,8 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar este verán as actuacións en toda a lonxitude da PO-552, ao seu paso polos municipios de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona

Os traballos adaptaranse ao estado do firme nas diversas zonas e inclúen a intervención na senda peonil de Oia

No treito entre Baiona e A Guarda reporase o revestimento do carril-bici e pintarase de novo para que recupere a súa cor orixinal
 

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

A Xunta vén de recibir 10 ofertas para executar as obras de renovación integral do firme en máis de 30 quilómetros da estrada autonómica PO-552 e nun treito da PO-325, ao seu paso polos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros e o obxectivo é comezala este mesmo verán. Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses.

No marco da actuación, acondicionarase a capa de rodadura en toda a lonxitude da PO-552, de 30,4 quilómetros de lonxitude, reforzando a seguridade viaria.

Deste modo, proponse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas e que beneficiará principalmente ao termo municipal de Oia, xa que se renovará a senda peonil. Nos treitos entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+730, 2+380 e 2+950, e 17+040 e 44+400 procederase ao fresado do firme e á reposición da calzada coa correspondente rega de adherencia.

Carril-bici entre Baiona e A Guarda

Paralelamente, este contrato inclúe a reposición do revestimento rugoso do carril-bici con capas de resina sintéticas e pintarase de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal. Ao mesmo tempo, demoleranse os treitos de beirarrúas en mal estado para a súa reconstrución.

Na estrada PO-325 actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e desde o 15+000 ata 15+800 con fresados e reposición do pavimento e, ao igual que na PO-552, procederase ao pintado de todas as marcas viarias horizontais e das zonas cebreadas.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.