A Xunta licita por máis de 1,2 millóns de euros o acondicionamento da estrada OU-129 ao seu paso polos concellos da Veiga, de Viana do Bolo e do Bolo

Reforzarase o firme da vía, ademais doutras actuacións ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km

Reporanse 4.000 metros da barreira metálica, renovarase toda a sinalización vertical e colocaranse fitos quilométricos e captafaros

Intervirase na zona de conexión da estrada OU-533, ampliando a plataforma dun ramal para dar continuidade á sección da estrada, máis 2 m de cuneta transitable
 

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de acondicionamento da estrada OU-129, ao seu paso polos concellos da Veiga, de Viana do Bolo e do Bolo.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación das actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 18 de maio. O obxectivo da Xunta é iniciar as obras este verán e rematalas este ano.

O obxecto da intervención é o reforzo de firme da estrada, ademais doutras actuacións ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km de lonxitude, de cara a mellorar a seguridade viaria. Tamén se rematará a renovación da rodaxe en todo o ancho da estrada mediante a extensión dun drenaxe transversal.

Os traballos previstos inclúen a reposición de 4.000 metros da barreira metálica existente, a renovación de toda a sinalización vertical, así como a colocación de fitos quilométricos e captafaros.

Ademais, prevese o repintado de todas as marcas viarias, a limpeza das marxes da estrada, con limpeza e reapertura de cunetas, e a adecuación de treitos antigos como cambios de sentido.

No marco deste contrato, actuarase tamén na zona de conexión da estrada OU-533, ampliando a plataforma dun ramal para dar continuidade á sección da estrada, máis 2 metros de cuneta transitable.

Tamén se corrixirá o peralte da curva do punto quilométrico 8+400 da OU-129, renovaranse as xuntas de dilatación na ponte sobre o río Xares e procederase á renovación da capa de rodaxe e á reparación das beirarrúas.

Cómpre lembrar que titularidade da OU-129, a antiga OU-0804, foi transferida á Xunta, segundo o aprobado o pasado 24 de setembro de 2020 polo Consello da Xunta, dando cumprimento ao acordado coa Deputación Provincial de Ourense, polo que esta asumiu a titularidade das estradas OU-211 e OU-400.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.