A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde o centro situado en Chantada
Os espazos xoves da Xunta acollen alumnos en prácticas do ciclo superior de animación sociocultural e turística
Neste curso participan un total de once estudantes que realizan prácticas nos espazos xoves de Tui, Betanzos, Chantada, Ourense, Noia e Lalín
Os espazos xoves da Xunta acollen alumnos en prácticas formativas do ciclo superior de animación sociocultural e turística. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o centro de Chantada onde destacou a vitalidade e iniciativa dos participantes.
Así mesmo sinalou que esta iniciativa, realizada a través dun acordo de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, permite que o alumnado destes ciclos teñan a oportunidade de poñer en práctica o aprendido, ao realizar actividades para mozas e mozos de entre 14 e 30 anos.
Neste curso hai once estudantes realizando prácticas nos diferentes espazos xoves de toda a Comunidade; en concreto, nos centros de Tui, Betanzos, Chantada, Ourense, Noia e Lalín. O período de prácticas comezou o pasado día 5 e finalizará o próximo 13 de xuño. Os estudantes están sendo supervisados e titorizados en todo momento polo responsable de cada espazo xove.