A Xunta adxudica por preto de 280.000 euros as obras de acondicionamento e rehabilitación da Ponte de Pedra sobre o río Grande en Baio, no concello de Zas

Os traballos, que terán un prazo de execución de catro meses, consistirán na ampliación da ponte para reordenar o tráfico rodado e peonil

Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río

A intervención porá en valor a propia estrutura e adecuará o entorno, tanto as beirarrúas e as marxes do río como os treitos de acceso á ponte
 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

A Xunta vén de adxudicar as obras de acondicionamento e rehabilitación da ponte de pedra sobre o río Grande ao seu paso por Baio, no concello de Zas, por un importe de preto de 280.000 euros.

Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones López Cao, S.L, acometerase na estrada AC-552, no treito entre o punto quilométrico 2+100 e o 3+000.

A obra conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio e terá un prazo de execución de 4 meses.

Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte da estrada autonómica AC-552, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande. Ademais, a intervención porá en valor a propia estrutura e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río como os treitos de acceso á ponte.

Os traballos centraranse na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3,00 metros de ancho, beiravías de 0,25 metros ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.

O proxecto inclúe a disposición de pavimentos diferenciados para a zona de vehículos e para as beirarrúas no tramo sobre a ponte fronte aos utilizados fóra da zona da citada infraestrutura.