A Xunta disporá de un sistema de Big Data para coñecer o perfil dos turistas e xestionar a información de reservas e ocupación

O prazo para a presentación de propostas ao concurso para a construción e posta en marcha dun sistema intelixente de análise avanzada para o turismo finaliza o 20 de maio

O sistema estará a diposición da Axencia Turismo de Galicia e forma parte dun programa de colaboración Interreg no que participan, ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e socios do Norte de Portugal

O desenvolvemento dunha cultura e turismo intelixentes é un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030)
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2021

A Xunta de Galicia iniciou esta semana o proceso de licitación para contratar a construción e posta en marcha dun sistema de información intelixente de turismo cun valor estimado de máis de 1,5 millóns de euros.

O sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía BigData, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns.

A implementación e explotación dun sistema de BigData turístico é parte do proxecto Eurorrexión destino Turístico Intelixente (EDIT), no que participan a Axencia Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xunto con socios do Norte de Portugal, e que conta co respaldo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As empresas interesadas na prestación deste servizo disporán ata o 20 de maio para a presentación de propostas a través do Portal de Contratos Públicos de Galicia.

Esta actuación enmárcase no obxectivo de desenvolver unha cultura e turismo intelixentes, que representa un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030). Neste ámbito, consolidarase un turismo intelixente en Galicia a través de solucións innovadoras que faciliten a interacción co visitante e incrementen a calidade da súa experiencia. Promoveranse tamén servizos dixitais avanzados arredor do Camiño de Santiago e outros espazos de interese turística.

Nesta liña atópase xa en marcha a plataforma tecnolóxica Turespazo, que se desenvolveu como parte do Plan Smart Turismo. Esta ferramenta permite ao sector a xestión online da súa información administrativa e a difusión da súa información promocional e a comercialización dos seus produtos.

Tamén se creou a plataforma dixital Smart Camiño, con información a tempo real a través do portal www.caminodesantiago.gal e a app mobil, con información e servizos dixitais avanzados para os viaxeiros.

Ao mesmo tempo, incrementáronse os medios tecnolóxicos das oficinas de turismo e se dotou aos albergues públicos do Camiño de Santiago de tecnoloxía wifi.

Ao longo de 2020 priorizáronse tamén no proceso de transformación dixital as actuacións derivadas do Plan de reactivación dos sector cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid19, con iniciativas como a aportación tecnolóxica para a posta en marcha dos bonos turísticos #QuedamosenGalicia.
 

Imaxes relacionadas