Estas tarefas forman parte das intervencións que se veñen realizando nas estradas galegas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta inicia a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en máis de 40 estradas do sur da provincia de Pontevedra

Continuarase, ademais, cos labores na vía de altas prestacións V.G.-4.4, no municipio pontevedrés de Marín

Na provincia de Ourense comezarán as tarefas na OU-636, na Pobra de Trives e en Larouco, e seguirán na OU-536 ao seu paso polos municipios de Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Ourense

Proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña na vía de alta capacidade VG.-1.2, en Ares e Mugardos

Estas intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, incrementan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en máis de 40 estradas de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra, mentres continuará cos labores iniciados hai unhas semanas na vía de altas prestacións V.G.-4.4, no municipio de Marín.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, tamén na provincia de Ourense, comezarán os traballos na estrada OU-636 na Pobra de Trives e en Larouco. Ademais, proseguirán os traballos iniciados hai un mes na OU-536, ao seu paso polos concellos ourensáns de Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Ourense.

Tamén continuarán os labores que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e Mugardos.

O conxunto de tarefas realizadas no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, que se veñen realizando ao longo do ano, céntranse, principalmente, na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas