A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou nesta iniciativa

A Xunta de Galicia celebra o Día Europeo da Información Xuvenil cun evento en liña coa mocidade

Organiza dúas xornadas de actividades que permitirán aos participantes no programa Correspondentes xuvenís adquirir formación vinculada ao bo uso das redes sociais, así como para realizar dinámicas de deseño e emprendemento

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2021

A Xunta de Galicia celebra o Día Europeo da Información xuvenil cun evento en liña con mozas e mozos que forman parte do programa Correspondentes xuvenís. Son dúas xornadas nas que os participantes poderán adquirir formación vinculada ao bo uso das redes sociais, así como para realizar dinámicas de deseño e emprendemento.

Un dos obxectivos deste foro é conectar os participantes do programa Correspondentes xuvenís, que neste curso 2020-21 superan os 500 mozos e mozas. Ademais de achegar actividades durante os dous días que dura o evento, aproveitarase para recoller impresións e suxestións da mocidade, definir estratexias e deseñar novas iniciativas nas que se motive á participación da xuventude.

Este encontro, no que participou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, conta con actividades que procuran axudar a utilizar as ferramentas que proporcionan os teléfonos móbiles, tales como a cámara, a gravadora ou as diferentes aplicacións web para o seu uso para a transimisión de información xuvenil.

Así mesmo, organizaranse grupos para desenvolver iniciativas nos que os correspondentes poñan en uso as habilidades aprendidas. Logo de rematar os proxectos, presentaranse a un xurado profesional que escollerá cal deles é o mellor grazas ao seu deseño e a escolla de información.

Beneficios dos mozos e mozas correspondentes

Cómpre lembrar que as funcións destes correspondentes son colaborar a través dos centros educativos na difusión de información do seu interese, entre ela a relacionada coa situación sociosanitaria derivada da covid-19, xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación, e asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, entre outras cuestións.