O presidente da Xunta reuniuse hoxe coa alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía

Feijóo aborda coa alcaldesa de Vilariño de Conso os principais proxectos para o municipio entre os que destaca unha residencia da terceira idade e un centro para persoas con trastornos de conduta

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe coa alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, os principais proxectos para o municipio, entre os que destacou unha residencia da terceira idade e un centro para persoas con trastornos de conduta.

En canto á residencia da terceira idade, Feijóo comprometeuse a estudar a petición do concello de colaborar no concerto de prazas. Do mesmo xeito, sinalou que a Xunta tamén avaliará vías de colaboración co proxecto do concello para poñer en marcha un centro para persoas con trastornos de conduta.

Ademais, trataron a posibilidade de habilitar unha área de servizo de caravanas na estrada de Soutelo e tamén a construción dunha infraestrutura deportiva na área recreativa do Cenza.

O presidente da Xunta valorou a disposición do Concello para crear unha aldea modelo en Soutogrande, polígonos agroforestais e pastizais para o seu aproveitamento gandeiro e reforzar así a prevención de incendios forestais.

Imaxes relacionadas