O presidente da Xunta reuniuse hoxe con Manuel Pérez Pereira
Feijóo aborda co alcalde de Padrenda a evolución dos proxectos de maior interese para o concello
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Padrenda, Manuel Pérez Pereira, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello.
En relación ao proxecto da residencia de maiores, estudarase a opción de que se cofinancie por parte da Xunta. Unha alternativa a valorar sería o uso dos fondos europeos do Plan de Recuperación, no caso de recibilos.
Outros dos puntos que centrou a reunión foron as melloras en materia de estradas. Así, tocante ás infraestruturas, Feijóo avanzou que a execución de reforzo do firme das estradas OU-411 e OU-414 está previsto para o ano próximo, toda vez que o proxecto está redactado e foi aprobado un orzamento estimado para esta actuación de máis de 400.000 euros. Tamén confirmou o entubado de 100 m dunha marxe da OU-412 en Agra nesta primavera.
Durante o encontro, tamén se abordou a posibilidade de seguir acometendo melloras en materia de saneamento. Cómpre lembrar que, desde 2009, a Xunta xa executou no concello varias infraestruturas hidráulicas para mellorar a súa rede de abastecemento e saneamento.