A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde, Antonio Montero, selaron, de xeito telemático, este acordo de colaboración

A Xunta e o Concello de Avión asinan un convenio para impulsar a mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, cun investimento conxunto de 185.000 euros

Trátase de conectar estes núcleos de poboación coa depuradora municipal, infraestrutura executada anteriormente pola Xunta cun investimento de 830.000€

Augas de Galicia achegará o 80% do orzamento, 148.000 euros, mentres o Concello contribuirá co 20% restante, destinando 37.000 euros

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, da súa competencia

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Avión, Antonio Montero veñen de asinar, de xeito telemático, un convenio de colaboración para impulsar a mellora do sistema de saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, que suporá un investimento conxunto de 185.000 euros.

O acordo selado enmárcase no traballo da Xunta en apoio aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais, como é o garantir o servizo de saneamento á poboación.

No caso concreto do acordo co Concello do Avión, a cooperación do departamento que dirixe Ethel Vázquez realízase a través de Augas de Galicia e céntranse na execución das obras de conexión das redes de saneamento do Sifón e San Vicenzo co colector xeral de Avión, núcleos que contan na actualidade con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente.

En base ao convenio asinado, a Xunta cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 148.000 euros e o Concello de Avión contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 37.000 euros.

As actuacións serán financiadas no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE fronte á pandemia da covid-19.

Obras a executar

Esta actuación dá continuidade ás obras realizadas no ano 2013 pola Xunta, coa execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha nova depuradora para 1.250 habitantes equivalentes, que supuxo un investimento de preto de 830.000 euros.

As obras recollidas no acordo de colaboración que se vén de asinar inclúen a execución dunha rede de conexión ata a citada depuradora de Avión, xa deseñada no seu día para atender tamén á poboación deste dous núcleos do municipio ourensán.

A intervención consiste na execución de dous tramos de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm e unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro. A actuación permitirá dar servizo a unha poboación de 94 habitantes para o ano horizonte 2045.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.