A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade explicou no Parlamento que a Xunta propuxo na reunión co Ministerio o plan para a xestión dos peiraos interiores

Ethel Vázquez subliña o compromiso da Xunta coa recuperación da fachada marítima da Coruña, coa maior achega económica e unha folla de ruta completa para a urbanización dos peiraos

A Xunta formulou un acordo con todas as administracións implicadas, comprometéndose a achegar o 51% do custo para garantir a titularidade pública dos terreos, poñendo como mínimo 20 M€, xa comprometidos en 2018

Vázquez Mourelle destaca que o Goberno de España, unha vez comprometida a conexión ferroviaria de Langosteira, debe avanzar nesta infraestrutura aprobando o proxecto e iniciando as expropiacións

Subliña a oportunidade de redeseño urbanístico da cidade, pois as dársenas libres entre a Ría do Burgo e o caso histórico suman 480.000m² a disposición dos cidadáns

O cronograma deseñado pola Xunta recolle a urbanización en 3 fases dos peiraos, empezando polo de Batería, seguindo por Calvo Sotelo e acabando por San Diego

Subliña que a 1ª fase podería comezar no 1º trimestre de 2022, para o que o Goberno galego achegou unha proposta de acordo que deben asinar o Concello, a Deputación e a Autoridade Portuaria

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa recuperación da fachada marítima da cidade da Coruña, ofrecendo a maior achega económica e unha folla de ruta completa para a urbanización dos peiraos.

Vázquez Mourelle explicou que a recuperación da fachada é posible tras lograr o presidente da Xunta o compromiso do ministro de Transportes para executar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira, cun investimento de 140 M€ a cargo dos fondos de reconstrución Next Generation.

Destacou que o Goberno de España debe xa dar pasos firmes e avanzar nesa conexión ferroviaria aprobando o proxecto e iniciando os trámites expropiatorios necesarios.

A este respecto, Ethel Vázquez sinalou que o Goberno galego estará vixiante para que se liciten as obras xa en xullo, tal e como vén reivindicando a Xunta e se ten comprometido o Ministerio, xa que cómpre garantir a viabilidade desta infraestrutura, vital para o crecemento económico da provincia e de Galicia.

Unha vez ratificado o compromiso estatal da conexión ferroviaria, a conselleira remarcou os dous convenios que a Xunta lle presentou o venres ao Ministerio de Transportes para xestionar os peiraos interiores, que quedarán libres co traslado das empresas ao porto exterior.

Fixo fincapé en que a posibilidade de actuar na fachada atlántica é unha oportunidade para o redeseño urbanístico da Coruña, pois as tres dársenas libres, que abranguen desde a ría do Burgo ata o caso histórico, permitirán poñer a disposición dos cidadáns máis de 480.000 m² de superficie.

Indicou que o Goberno galego propuxo un acordo marco, con todas as institucións implicadas, é dicir: o Ministerio de Transportes, a Xunta, o Concello, a Deputación, a Autoridade Portuaria, Portos do Estado e ADIF.

Subliñou que a Xunta está disposta a achegar o 51% do custo para garantir a titularidade pública dos terreos, achegando, como mínimo, os 20 M€ xa comprometidos en 2018.

O plan de actuación deseñado pola Xunta prevé a recuperación e a urbanización por fases dos peiraos interiores, empezando polo de Batería, seguindo por Calvo Sotelo e acabando por San Diego.

Para a posta en marcha da primeira fase, a conselleira concretou que xa se redactou o borrador de convenio, que deben subscribir o Concello, a Deputación, a Autoridade Portuaria e a propia Xunta.

No que se refire ao cronograma, a primeira fase céntrase na adecuación dos terreos ocupados polo peirao de Batería, cuxas obras poderían comezar no primeiro trimestre do vindeiro ano.

A segunda fase, a executar a partir de 2025, incluiría a urbanización de Calvo Sotelo, prevendo resolver os problemas de mobilidade na avenida do Porto coa construción dun túnel que suporá o soterramento do tráfico nesta zona.

A terceira fase, segundo precisou a conselleira, consistiría na urbanización dos terreos de San Diego. Puntualizou que a súa posta en marcha dependerá de que as dúas fases anteriores se teñan realizado. Engadiu que cómpre perfilar o modo de acometer esta última fase ao ser a de maior envergadura, por afectar a preto de 377.000 m².

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta tamén reclamou na última reunión unha solución á situación financeira do Porto, comprometéndose o Goberno central a presentar unha proposta que se analizará desde unha posición de igualdade de trato co resto de portos de España.

Imaxes relacionadas