A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou no Parlamento a previsión de licitar as obras do saneamento no segundo semestre para inicialas a comezos de 2022

A Xunta reafirma o compromiso de investir 33,6 M€ para mellorar a depuradora e o saneamento en Vilagarcía de Arousa e agarda que o concello axilice a tramitación que lle corresponde

Vázquez Mourelle apunta o obxectivo de ter resolta en seis meses a tramitación ambiental simplificada do proxecto de ampliación da depuradora, que precisa para a súa materialización da modificación urbanística dos terreos por parte do Concello

Adianta que este mesmo mes está previsto pechar o proxecto construtivo das actuacións para mellorar o sistema de saneamento municipal

Augas de Galicia está á espera da necesaria solicitude formal de execución destas obras e a achega da documentación pertinente por parte da Administración local

A conselleira remarca a disposición e implicación da Xunta na solución dos problemas nestes servizos de competencia municipal, que espera sexa tamén correspondida por parte do Concello

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reafirmou esta tarde no Parlamento o compromiso da Xunta de investir 33,6 millóns de euros para ampliar a capacidade do sistema de depuración e mellorar a rede de saneamento de Vilagarcía de Arousa, para o que agarda que o Concello afronte con rapidez a parte da tramitación que lle corresponde para poder iniciar as obras o antes posible.

Vázquez Mourelle remarcou a disposición do Goberno galego de aumentar substancialmente a capacidade de tratamento da depuradora de Vilagarcía para, deste xeito, garantir o cumprimento dos límites de vertido dos caudais que recibe e tamén a mellorar, de xeito notable, o sistema de saneamento municipal.

Referiuse así aos 2 proxectos que ten en marcha a Xunta para apoiar ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e depuración e avanzar no saneamento integral da ría de Arousa.

Concretou que se trata de investir 23,1 M€ para aumentar a capacidade de tratamento da depuradora, multiplicando por case 2,5 a capacidade actual da planta.

Ademais, actuarase na rede de saneamento, coa fin de solucionar as ineficiencias dos colectores, cun investimento da Xunta de 10,5 M€. Neste caso, as actuacións propostas pasan pola renovación de toda a rede de saneamento na avenida Rodrigo de Mendoza, onde tamén se instalará un novo tanque de tormentas con máis de 2.000 m³ de capacidade; outro novo tanque de tormentas na rúa Valle-Inclán, cunha capacidade de 3.700 m³; e un novo tramo de colector na avenida de Cambados de 181 metros.

A representante do Goberno galego indicou que Augas de Galicia xa ten en marcha a tramitación ambiental do proxecto da ampliación da depuradora polo procedemento simplificado, acurtando prazos, polo que se agarda poida estar resolto en seis meses.

Explicou que aínda que a ampliación da depuradora se vai realizar nunha parcela de propiedade da Xunta, é preciso para a materialización das obras que o Concello tramite a modificación puntal do PXOM para cambiar o uso do terreo.

Ethel Vázquez salientou que as actuacións encamiñadas a mellorar o sistema de saneamento municipal seguen avanzando, co proxecto construtivo agora mesmo rematando a supervisión e que se agarda pechar este mesmo mes.

Concretou que, neste caso, e coa fin de axilizar o máis posible o procedemento administrativo, o pasado día 26 de marzo Augas de Galicia instou aos responsables municipais a solicitar oficialmente a execución das obras e, tamén, a achegar a documentación pertinente. Ethel Vázquez, que expresou a súa confianza no interese manifestado polo Concello de Vilagarcía no impulso destas actuacións, indicou que a día de hoxe non consta que teña rexistrado formalmente a petición das obras á Xunta.

Para acometer esta actuación, o Concello de Vilagarcía ten que poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para poder executar os traballos, aprobar en Pleno o proxecto e sometelo a información pública.

A conselleira apuntou que a previsión da Xunta é poder licitar as obras de mellora do saneamento no segundo semestre do ano para poder iniciar os traballos a comezos de 2022, uns prazos que estarán tamén supeditados á axilización na tramitación que lle corresponde á Administración local.

Remarcou a disposición e implicación da Xunta para ofrecer solución aos problemas das infraestruturas de saneamento e depuración que ten Vilagarcía, impulsando estas dúas actuacións que supoñen un investimento conxunto de 33,6 millóns de euros e que financiará, en parte, con fondos europeos FEDER 2014-2020; unha implicación da Xunta que espera sexa correspondida tamén por parte do Concello.