A Xunta adxudica por preto de 50.000 euros a redacción do proxecto construtivo da nova captación no río Deza para o abastecemento ao concello de Lalín

Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, partirán do estudo de viabilidade realizado por Augas de Galicia sobre as dúas propostas realizadas polo Concello para definir a nova captación augas arriba da praia fluvial de Vilatuxe

Analizaranse as distintas alternativas de trazado e redactaranse os documentos necesarios para a tramitación ambiental e as consultas a outras administracións

Definirase o detalle do proxecto construtivo, a través da memoria, planos, pregos e orzamento, necesarios para poder licitar as obras

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo da nova captación no río Deza para o abastecemento ao concello de Lalín.

Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, foi adxudicado á empresa Ingeniería del Noroeste, S.L. O prazo de execución é de 6 meses.

O contrato ten como obxectivo a mellora do sistema de abastecemento deste concello pontevedrés e enmárcase na liña de colaboración da Xunta nesta materia de competencia municipal.

Trátase de dar resposta á solicitude realizada polo Concello de Lalín a Augas de Galicia, para o estudo, proxecto e construción dunha nova captación no río Deza. Para iso, a entidade local propuxo dúas posibles localizacións: unha, augas arriba da praia fluvial de Vilatuxe, e a outra moi preto do nacemento do río, aproveitando unha represa existente na “fábrica de luz”, central hidroeléctrica abandonada e en desuso.

Augas de Galicia redactou un estudo de viabilidade dunha nova captación no río Deza para mellorar o sistema de abastecemento a Lalín, no que se analizaron as dúas opcións propostas desde o Concello, concluíndo como opción máis viable a de augas arriba da praia fluvial de Vilatuxe.

Mediante o contrato adxudicado deberá acometerse a redacción do proxecto construtivo dunha nova captación en Vilatuxe, no que se inclúen os traballos de análise da calidade da auga, da topografía existente e da dispoñibilidade dos terreos para reforzar a idoneidade da alternativa elixida.

Para a definición a nivel construtivo desta opción, estudaranse as distintas alternativas de trazado procedendo, a continuación, á redacción do anteproxecto, que inclúe os documentos necesarios para levar a cabo as tramitacións ambientais, as consultas a outras administracións e, no caso de seren necesarias, as expropiacións.

Finalmente, redactarase o proxecto construtivo, que incluirá todo o detalle da información incluída nos traballos, a través da memoria, planos, pregos e orzamento, que será a necesaria para poder licitar as obras.


Antecedentes

O concello de Lalín dispón dun sistema de abastecemento de auga potable que se alimenta mediante bombeo e impulsión en dúas captacións con represa no río Asneiro, afluente do río Deza, tributario do río Ulla, que desemboca na ría de Arousa.

A captación máis antiga está situada nas proximidades do polígono industrial de Botos e a máis recente está situada augas arriba, na parroquia de Catasós, no lugar coñecido como “Pozo Negro”.

Desde estas dúas captacións bombéase o recurso bruto ata unha estación de tratamento de auga potable deseñada cunha capacidade de tratamento de 250 m³/ h situada na zona alta do núcleo urbano de Lalín, onde se potabiliza e almacena o recurso tratado nun depósito regulador de cabeceira de 4000 m3 de capacidade. Dese depósito parte a rede xeral de distribución que serve á poboación e á actividade industrial e agropecuaria do municipio, mediante unha extensa rede mallada e ramificada, que conta con outros depósitos de almacenamento: o depósito de cola do polígono industrial Lalín 2000 -de 400 m3 de capacidade-; o depósito elevado de Lagazós -de 1500 m³-; ou o de Vilatuxe -de 450 m3-, entre outros.

O Concello de Lalín vén trasladando a Augas de Galicia a necesidade de mellorar a prestación do servizo de abastecemento de auga potable, derivada da escaseza do recurso en tempo seco.