Trenor traslada o apoio da Xunta ao sector do taxi e agradece o seu compromiso coa mobilidade segura

Trenor animou aos interesados a solicitar a orde axudas aberta de 10.000 euros no caso de compra de taxis adaptados, de 6.000 euros para os de cero emisións e de 4.000 euros para os de baixas emisións

O delegado da Xunta lembrou que o Goberno galego suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos
 

A Coruña, 14 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación Provincial de Taxis da Coruña, Manuel Sánchez Quindimil, e cos membros da xunta directiva para trasladar o apoio de Xunta a este colectivo e para animar aos asociados a solicitar unha nova orde de axudas para a compra de vehículos accesibles e pouco contaminantes que está aberta cunha achega de 350.000 euros.

A Xunta aprobou esta nova orde para adquirir taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida, os eurotaxis, e para taxis eléctricos e híbridos ou de gas coa fin de facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible.

Esta convocatoria para o ano 2021 subvencionará a adquisición de vehículos desde o comezo do mes de abril do ano pasado e ata o vindeiro mes de novembro ou o esgotamento do crédito. Trátase de axudas de 10.000 euros no caso de compra de taxis adaptados, de 6.000 euros para os de cero emisións e de 4.000 euros para os de baixas emisións.

Trenor recalcou que “con esta nova convocatoria, a Xunta leva achegado máis de 3 millóns de euros en subvencións a este sector nos últimos 5 anos e lembrou que o Goberno galego convocou o pasado ano, por primeira vez, unha orde de axudas para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións”. Desde o ano 2016, a Xunta concedeu 375 axudas para a renovación de vehículos de taxi por importe de case 2,7 millóns de euros.

Ademais, explicou que estas medidas buscan que os taxis galegos estean mellor preparados poderán prestarlle un servizo de máis calidade aos galegos e contribuirán a reducir as emisións contaminantes.

No encontro o delgado da Xunta agradeceu o esforzo de adaptación continuo que vén realizando o sector, que está a sufrir, tamén, as consecuencias da caída da mobilidade como consecuencia da pandemia. Neste sentido, na xuntanza agradeceu especialmente o compromiso do colectivo coa mobilidade segura e co cumprimento estrito das medidas de prevención e de protección da saúde. Cómpre lembrar que a Administración autonómica subvencionou a colocación de mamparas de protección nos taxi co obxectivo de facilitar a prestación deste servizo público esencial dun xeito seguro para os cidadáns e os propios profesionais.
 

Imaxes relacionadas