Lorenzana reúnese co sector tecnolóxico e de servizos audiovisuais para avanzar en medidas de igualdade laboral e profesionalización

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza en Santiago de Compostela coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia, Agatec

Lorenzana identificou este sector como un dos máis afectados pola pandemia e que foi atendido nos dous plans de rescate nos que a Xunta mobilizou 160M€

Xunta e Agatec colaborarán na implantación de medidas de igualdade, prevención de riscos e prácticas de responsabilidade social
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela, coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), coa que avaliou a situación da produción técnica e audiovisual de eventos ante a covid-19 e a necesaria implantación de medidas que contribúan a avanzar na igualdade laboral e na profesionalización do sector.

Lorenzana amosou o seu apoio á produción e organización de eventos, rama de actividade que sinalou como unha das “máis afectadas” pola pandemia. Lembrou que a Xunta dirixiu a este e a outros sectores prexudicados pola covid-19 dous plans de rescate cos que leva mobilizados máis de 160 millóns de euros.

Lorenzana adiantou que a Xunta ten case perfilado o 3º Plan de rescate co que pretende inxectar máis liquidez ás actividades prexudicadas nesta pandemia, e que activará en canto se transfiran os fondos -234M€- comprometidos polo Estado. Xuntanzas como a de hoxe son especialmente importantes para saber das necesidades de cada unha das ramas de actividade necesitadas de atención polas administracións, sinalou.

Durante o último ano, as medidas de confinamento e as persistentes restricións en materia de aforos e aglomeracións levaron a suspensión ou aprazamento de multitude de eventos, afectando aos ingresos á industria creativa. Na xuntanza de hoxe trasladouse esta situación a cifras. Lorenzana mostrou a súa preocupación polo impacto da covid-19 nas empresas asociadas en Agatec cunha caída na facturación anual moi importante: apenas un terzo do que ingresaron en 2019.

Aposta pola formación e a igualdade

A titular de Emprego e Igualdade coincidiu cos representantes da entidade no seu obxectivo de avogar pola formación continua do persoal técnico e directivo para a profesionalizar un sector, sempre cambiante e en evolución, cara a avanzar tras a crise sanitaria. A conselleira enmarcou esta necesidade no plan de formación da Xunta para persoas ocupadas que, dotado con 5,5 millóns de euros, pretende chegar este ano a 5.000 traballadores.

Outra das propostas que se trataron na xuntanza foi a necesaria implantación de medidas que favorezan a igualdade no ámbito laboral do sector, onde a maioría dos postos están a ser desempeñados por homes. Lorenzana anunciou que en breve o seu departamento porá a dispor das empresas axudas para a elaboración dos plans de igualdade e ofreceu formación específica sobre a materia.

A titular de Emprego e Igualdade adiantou tamén que o seu departamento activará proximamente axudas para a consecución de certificados en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) das que poderán beneficiarse as empresas da Agatec. Ofreceu tamén os servizos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para que asesore ás firmas tecnolóxicas e de servizos audiovisuais en materia de prevención de riscos laborais.

Agatec é unha entidade experta en tecnoloxía audiovisual de ámbito autonómico, creada en 2019. As nove empresas que integran a asociación son entidades dedicadas á produción técnica de eventos.

Durante os últimos dous anos, Agatec asinou convenios coa Xunta para impartir formación, o que permitiu, entre outros, a consolidación do Plan Formativo para o Persoal das Industrias Culturais e Creativas, que se desenvolveu no 2020 de xeito presencial e gratuíto nos meses de outubro e novembro na Cidade da Cultura de Galicia.

Por medio do mesmo o Goberno galego contribuíu á captación para este sector con actividades focalizadas na cualificación en electricidade para montaxe de eventos, de estruturas escénicas e de vídeo e pantallas multimedia, entre outras.
 

Imaxes relacionadas