A Xunta contribúe a que 250 mulleres xitanas accedan a programas contra a violencia de xénero, formativos e de inserción laboral

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe por videoconferencia coa directora de Secretariado Gitano en Galicia, Eva Vera

López Abella puxo en valor a tarefa da entidade na prevención da violencia de xénero, na formación en materia de igualdade e contra a discriminación laboral das mulleres xitanas

A Xunta apoiou no último ano con case 40.000 euros as actuacións de Secretariado Gitano, entidade que detectou en 2020 un total de 11 casos de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe por videoconferencia coa directora da Fundación Secretariado Gitano, Eva Vera, entidade coa que a Xunta colabora para a inclusión laboral das mulleres xitanas e a loita contra a violencia de xénero. Grazas a estes apoios, a entidade puido chegar no último ano a 250 mulleres con actuacións de prevención da violencia de xénero, de sensibilización en materia de igualdade, de cualificación para o emprego e mediante programas de fomento da inserción laboral das mulleres xitanas.

A Secretaria Xeral da Igualdade coñeceu de primeira man as necesidades da poboación xitana nestes momentos de pandemia, en especial das mulleres, e avaliou xunto coa representante de Secretariado Gitano os resultados dos programas desenvolvidos coas achegas da Xunta, a través das axudas concedidas con cargo ao 0,7% do IRPF e por medio do convenio asinado en 2020, que suman case 40.000 euros.

López Abella puxo en valor o importante labor que desempeña Secretariado Gitano que en 2020 atendeu a 138 mulleres nos seus programas enfocados á muller e identificou, por medio dos mesmos, 11 casos de violencia de xénero.

Formación para a inserción

A secretaria xeral da Igualdade puxo énfase tamén no desempeño de actividades formativas cara á inserción laboral desenvolvidas pola Fundación que permitiron que 54 mulleres asistisen a obradoiros de motivación cara ao emprego en temas como limpeza básica de edificios, monitora de comedor escolar, capacitación dixital, escaparatismo ou arranxos de roupa, entre outros.

Outro grupo de actividades de sensibilización en materia de igualdade, dirixidas a persoas xitanas, concluíron o ano pasado coa participación de 68 mulleres e 21 homes.

Grazas ás actuacións da Fundación, catro mulleres conseguiron unha ocupación laboral e outras once foron derivadas a programas de emprego co obxectivo de acadala.

A colaboración coas entidades sociais constitúe un eixo de traballo fundamental para a Xunta en todas as materias, máis aínda na área da igualdade e do emprego, quixo subliñar no encontro López Abella, quen comprometeu seguir traballando de xeito conxunto contra a discriminación da muller, coas vítimas da violencia de xénero e a prol da inserción laboral das persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión.

Imaxes relacionadas