A Xunta reforza a súa colaboración coas industrias galegas do metal como sector estratéxico para a recuperación económica

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, mantivo un encontro con membros da directiva da Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime)

Vigo, 13 de abril de 2021

A Xunta reforza a súa colaboración coas industrias do metal de Galicia como sector que xogará un papel determinante na recuperación económica, e con ese obxectivo, o Goberno galego manifesta a súa intención seguir fortalecendo a colaboración transfronteiriza co norte de Portugal.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse onte con membros da directiva da Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime), onde indicou que a Xunta quere fornecer unha colaboración transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal na que Asime é precursora, co fin de establecer sinerxías empresariais conxuntas.

No seu encontro con Rafael Outeiral, vicepresidente de Asime, e co secretario xeral, Enrique Mallón, Rueda abordou tamén o relativo aos fondos de Cooperación Territorial Europea (Interreg), aos que socios desta entidade, que reúne a 600 empresas galegas da industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas (automoción, metalmecánica e transporte,aeronáutica, naval-marítimo, construciónsóe estructuras metálicas, etc) concorreron noutras edicións con proxectos para o desenvolvemento de tecnoloxías intelixentes e para a transferencia e valorización de nanotecnoloxías, mobilizando máis de 6 millóns de euros.

O sector confía en dar a coñecer todo o seu potencial na feira Mindtech, que se celebrará do 14 ao 16 de setembro en Vigo e que pretende ser un gran escaparate do pulo do sector de cara á recuperación da industria do metal e das súas tecnoloxías asociadas no eixo comercial do Polo Ibérico e na industria 4.0.

Imaxes relacionadas