Feijóo refírese ao autogoberno galego como a historia dun éxito da España das autonomías cuxo protagonismo corresponde ao conxunto da sociedade galega

Destaca e agradece a presenza no acto do presidente do Tribunal Constitucional; “unha maneira excelente de subliñar que a Constitución e o Estatuto de Autonomía son expresións diferentes dunha mesma soberanía democrática”

Valora que o Estatuto de Autonomía celebre o 40 aniversario da súa promulgación acompañado tamén pola doutrina académica e o periodismo, dúas compañías que sempre estiveron a carón do proceso autonómico, garantindo tanto o rigor xurídico como a proximidade cidadá e a liberdade de prensa
 

Santiago de Compostela, 12 abril de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao autogoberno galego como a historia dun éxito da España das Autonomías cuxo protagonismo corresponde ao conxunto da sociedade galega.

Durante a clausura da xornada conmemorativa do 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, Feijóo salientou que fronte a ese modelo estable, no que a unidade dos galegos é un principio sagrado –“e a ruptura social o peor dos pecados que pode cometer un gobernante”-, existe outro que leva a unha crise crónica na que resulta difícil recompoñer os máis mínimos consensos.

“E non debemos esquecer que ese proceso que sume na incerteza a unha das comunidades que antano foi a vangarda de España, iníciase cunha reforma estatutaria precipitada e frustrante”, lembrou, incidindo na necesidade de ser extremadamente coidadosos á hora de derrogar, “aínda que sexa parcialmente”, o que funciona e suscita un acordo xeneralizado da inmensa maioría da poboación.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que ademais de consolidarse unha “autonomía do benestar”, con servizos públicos de calidade, a Galicia autogobernada asume o reto de darlle unha resposta propia á crise do 2008, mediante medidas maduras e non sempre fáciles de adoptar e de entender. “A autonomía se responsabiliza e se corresponsabiliza de decisións transcendentes dando unha proba máis que notable de solidez e madurez”, dixo, recordando que o autogoberno volve a lexitimarse en momentos nos que, ao acerto nas decisións políticas debe sumarse a responsabilidade social para que o desenlace sexa esperanzador.

Sobre este punto, salientou que esa responsabilidade evidenciada na crise económica, reedítase na xestión da crise da covid-19, “na que as comunidades autónomas estamos xestionando a situación máis crítica, desde o punto de vista sanitario, dos últimos 100 anos en España”.

O responsable do Goberno galego quixo tamén agradecer a presenza no acto do presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas; “unha maneira excelente de subliñar que a Constitución e o Estatuto de Autonomía son expresións diferentes dunha mesma soberanía democrática”, sostivo, incidindo en que coa Constitución do 78, “España e Galicia fúndanse e fúndense como democracias, para converterse en realidades complementarias”.

Así mesmo, valorou que o Estatuto de Autonomía celebre o 40 aniversario da súa promulgación acompañado pola doutrina académica e o periodismo, dúas compañías que sempre estiveron a carón do proceso autonómico galego, garantindo tanto o rigor xurídico como a proximidade cidadá e a liberdade de prensa. “O papel dos que aportaron e aportan a súa visión académica foi e é esencial”, dixo, referíndose ademais á contribución dos medios galegos á gran obra colectiva do autogoberno.

 

Imaxes relacionadas