A sexta edición do programa Principia incentiva a contratación de máis de 100 mozas e mozos para desenvolver proxectos de investigación e innovación en empresas e centros de coñecemento
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nun webinario sobre esta iniciativa que pretende atraer, incorporar e reter o talento de profesionais
Contempla axudas de 10.000€ por contrato, que se poden completar cun bono de formación por un importe de 1000 euros adicionais
O programa incentiva, ademais, a contratación de mulleres e persoas con diversidade funcional
Nas cinco convocatorias anteriores realizáronse ao abeiro deste programa 542 contratos de profesionais de ata 35 anos que se integraron en 282 entidades beneficiarias, maioritariamente empresas
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, realizou hoxe unha presentación da sexta edición do programa Principia a empresas e organismos de investigación interesados na contratación de profesionais mozos con perfís orientados á realización de actividades de I+D+i, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente cualificado. Con estas axudas, preténdese incorporar a máis de 100 mozos e mozas en empresas e organismos públicos de investigación, a fin de atraer e reter talento no ecosistema galego.
O programa impulsado desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro xoves, 15 de abril, contempla axudas por importe de 10.000€ por contrato que se poden complementar cun bono de formación de 1000€ adicionais. Cun orzamento total executado de preto de 4,5M€ e un total mobilizado de máis de 13M€, ao longo das cinco edicións anteriores realizáronse 542 contratos de calidade a persoas de ata 35 anos que se integraron en 282 entidades beneficiarias, o 78,9% delas empresas. De todos eles, 318 (58,67%) foron contratos indefinidos desde o inicio.
Patricia Argerey explicou na súa intervención que “este programa responde á vontade do Goberno galego de incentivar o emprego de calidade no eido da innovación, favorecendo a incorporación de persoas cualificadas e con capacidade de liderar e desenvolver actividades de I+D+i, que permitan asegurar a sostibilidade e garantir a competitividade do ecosistema galego a longo prazo”. Así mesmo, a directora de Gain salientou que, a través de Principia, se pretende “incentivar a contratación tanto de mulleres como de persoas con diversidade funcional que desexen orientar a súa carreira profesional ao campo da innovación”.
No webinario desenvolvido hoxe, interviñeron tamén dúas empresas beneficiarias do programa Principia en anteriores edicións, que expuxeron a súa experiencia, poñendo de manifesto que nesta iniciativa teñen cabida empresas de todos os sectores e tamaños.
A primeira delas, Sociedad para el tratamiento de aguas residuales, é unha gran empresa do ámbito do mantemento industrial, que incorporou a unha profesional que se implicou no redeseño e automatización de procesos de limpeza e hixiene industrial. A segunda foi unha micropeme dedicada á distribución de comida a domilicio, Comida sana, rápida e barata, que aproveitou o programa para contratar a dúas persoas e así avanzar no seu proceso de dixitalización e desenvolver un software para dotar dun alto grao de automatización a xestión dos traballos de cociña, desde o avituallamento e a execución ata a comercialización.
Este programa naceu do convencemento de que as persoas constitúen o principal valor diferencial dunha empresa ou centro de coñecemento que desenvolve actividades de I+D+i. Neste sentido, a consolidación deste proxecto vén reforzar a aposta da Xunta de Galicia de promover e favorecer a captación e mantemento do talento como mecanismo de fortalecemento das capacidades de innovación na nosa comunidade.
Talento Sénior
Ademais, cómpre sinalar outras iniciativas desenvolvidas pola Axencia Galega de Innovación, como a convocatoria do programa Talento Sénior, que contempla axudas para a contratación de persoal de alta cualificación e máis de 5 anos de experiencia profesional, por un período mínimo de tres anos, para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación. Isto permitirá, ademais, estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i en Galicia. Neste caso, está prevista a realización dun total de 14 contratos de tres anos, aos que se destinará un orzamento de 940.000€. O prazo de presentación de solicitudes para este programa está aberto ata o 5 de xuño.