Fernández-Tapias coñece os novos proxectos e a actividade que se está a desenvolver en Vigo desde mulleres en igualdade

A delegada territorial mantivo hoxe un encontro con parte da xunta directiva desta asociación coa que o Goberno galego colabora desde hai anos

Enxalzou o traballo desta entidade na intervención directa coas mulleres vítimas da violencia de xénero e nas iniciativas a prol da igualdade de oportunidades
 

Vigo, 12 de abril de 2021

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión con parte da directiva de Mulleres en Igualdade, encabezada pola súa presidenta, Patricia Román, coa que tivo oportunidade de coñecer os novos proxectos e a actividade que está a desenvolver a asociación na cidade.

Neste contexto, a representante autonómica sinalou que a colaboración coas distintas entidades faise imprescindible para, entre todos, acabar coa violencia de xénero. “Esta é, e asi debe ser, unha batalla conxunta de toda a sociedade”, indicou, para remarcar que o Goberno galego colabora desde hai anos con Mulleres en Igualdade no desenvolvemento de accións de loita contra a violencia de xénero e nas distintas medidas de apoio social e acompañamento ás vítimas desta lacra.

Segundo dixo Fernández-Tapias, a relación da Xunta con estas entidades “é un exemplo de que mantemos a man tendida para o deseño de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade”. Xa por último, a delegada, que recordou que foi unha das fundadoras de Mulleres en Igualdade en Vigo, enxalzou o importante labor desta entidade na intervención directa coas mulleres vítimas da violencia de xénero e nas iniciativas a prol da igualdade de oportunidades.

 

Imaxes relacionadas