O prazo para presentar as candidaturas para as Medallas Pardo Bazán á igualdade permanecerá aberto ata o próximo 12 de maio

Persoas físicas ou xurídicas e entidades públicas e privadas poden propor as súas candidaturas por medio da Sede Electrónica da Xunta

Acompañarán a petición dunha memoria que permita valorar os méritos da proposta

O Goberno galego recoñece con esta iniciativa cada ano, e desde 2019, o labor que desenvolven persoas e/ou entidades a favor da igualdade entre homes e mulleres
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2021.-A Xunta de Galicia mantén aberto ata o próximo 12 de maio o prazo para recibir as candidaturas de entidades e/ou persoas físicas propostas para optar ás Medallas Pardo Bazán na actual edición. Estes galardóns outorgan cada ano recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade galega que teñan contribuído -e destacasen nesta tarefa- á defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

As candidaturas poden ser propostas directamente a través da Sede Electrónica da Xunta por calquera persoa física ou xurídica, organismos, entidades, asociacións e mesmo administracións públicas, que desexen resaltar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución polo seu traballo a prol da igualdade.

Xunto coa proposta, os promotores deben achegar unha memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas e fundamentadas, polas que promove a concesión da medalla á persoa ou entidade en cuestión.

Estes galardóns, que acadan a súa terceira edición, materializan o compromiso da Xunta polo recoñecemento e a incentivación daquelas actuacións relevantes que promoven as mesmas oportunidades para mulleres e homes. Cada ano concédense ata un máximo de tres condecoracións que teñen carácter meramente honorífico.

Na última edición, concedeuse este mérito a Megumi Shiozawa (a título póstumo), á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) é a Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.

As medallas levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres; tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

 


Coa súa concesión, o Goberno galego contribúe á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres. E apoia o recoñecemento a traxectorias vitais e profesionais de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.