A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, entrevistou ás fundadoras da empresa Yarza Twins

A Xunta de Galicia divulga as historias de éxito da xuventude galega por redes sociais e ao abeiro de Talento Mozo

Organiza charlas con persoas destacadas en ámbitos como a creación, a economía social ou os medios de comunicación

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

A Xunta de Galicia divulga a creatividade, enxeño e emprendemento da xuventude galega con charlas que se emiten a través de redes sociais enmarcadas na iniciativa Talento Mozo. A directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, a través da conta de Instagram @xuventudegalega realiza entrevistas a mozas e mozos, cuxa experiencia serve de exemplo á xente nova da comunidade.

No día de hoxe Cristina Pichel deu a coñecer a historia das irmás viguesas Eva e Marta Yarza, fundadoras da empresa Yarza Twins, estudo de deseño galardoado con diferentes recoñecementos como o Premio Galego de Innovación e Deseño 2021 da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia; o Premio Nacional de Diseño 2020 do Ministerio de Ciencia e Innovación; ou no Chicago Film Festival en 2015.

Durante a charla, emitida en directo, deron a coñecer as principais claves que as axudaron a gañar estes galardóns e a realizar desde Londres —onde teñen o seu estudo—traballos para todo o mundo.

Outras historias de éxito

Neste 2021, a través das entrevistas realizadas ao abeiro de Talento Mozo, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén falou con Susana Álvarez, socia de Cabanas do Ulla; coa mediática xornalista Esther Estévez; con Jorge López e Tatiana González, creadores da marca de moda ecolóxica Beflamboyant; e con Xosé González, cociñeiro do restaurante Ceibe, de Ourense.

Nova convocatoria Talento Mozo

Este mes de abril abriu unha nova convocatoria dos premios Talento Mozo para recoñecer traxectorias excelentes e proxectos impulsados pola xente nova. Con este certame procúrase dar visibilidade ao enxeño e capacidade da mocidade en cinco modalidades: Ciencia, Cultura e creación, Deporte, Empresa e Rural.

Trátase da segunda edición destes galardóns, nos que a Xunta de Galicia premiará as mellores candidaturas cunha dotación económica de 5000 euros por categoría. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 30 de abril e as bases da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.