A Xunta incorpora á Rede Galega pola Investigación no grupo de traballo que elaborará o III Programa Muller e ciencia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes do colectivo

Coincidiron na importancia de visibilizar o papel das científicas galegas e garantir a igualdade de xénero neste eido

Sinalou a necesidade de situar a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes da Rede Galega pola Investigación (Investigal) na que se acordou que este colectivo forme parte do grupo de traballo que elaborará o III Programa galego de Muller e Ciencia.

A Unidade Muller e Ciencia está na actualidade a realizar un análise do grao de execución do segundo Programa, que servirá como base para a redacción do terceiro. Ditos plans teñen como obxectivo garantir a igualdade de xénero e dar visibilidade ao traballo que desenvolven as científicas galegas. O Goberno galego está a desenvolver ademais diversos proxectos para dar a coñecer á sociedade as aportacións das mulleres científicas galegas e para fomentar a vocación investigadora das nenas.

Lorenzana e as representantes de Investigal coincidiron en destacar a importancia de seguir traballando desde todas as administracións e colectivos para dinamizar e transformar o sistema de ciencia e tecnoloxía galego, a través da integración da perspectiva de xénero como estratexia de avance nun modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades da poboación.

A conselleira puxo en valor a Unidade Muller e Ciencia, un órgano colexiado de asesoramento, elaboración de informes e recomendacións formado por diversas consellerías da Xunta e personalidades expertas que traballan desde a perspectiva de xénero nos eidos social, científico, tecnolóxico e educativo. Os seus obxectivos consisten en incrementar a presenza da muller en ditos ámbitos; definir actuacións encamiñadas a promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir na formación científica, investigación e innovación e na xestión da I+D+i; situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano; e visibilizar ás mulleres no eido científico, da innovación e tecnolóxico para promover modelos e referentes para a sociedade e para as xeracións vindeiras.

Lorenzana, por último, lembrou a aposta da Xunta por eliminar toda forma de discriminación contra a muller e impulsar que se fixen políticas e plans de estudo no campo da ciencia, incluídos programas escolares, para alentar unha maior participación das mulleres e as nenas, promover as perspectivas de carreira de mulleres na ciencia e recoñecer os seus logros.
 

Imaxes relacionadas