A Xunta comeza as obras de instalación dun paso de peóns semaforizado en Sobrán para mellorar a seguridade viaria deste barrio de Vilagarcía

O delegado territorial, Luis López, visita o comezo dos traballos, nos que se invisten 42.000 euros e que estarán finalizados nos vindeiros días

A actuación, demandada pola veciñanza da asociación Miramar e dos lugares de Vilaxoán, Faxilde e Sobradelo, execútase no punto quilométrico 1+690 da PO-549

Realizaranse obras complementarias para favorecer a visibilidade nese punto e ampliaranse as beirarrúas existentes para mellorar a accesibilidade

O representante autonómico destaca o “compromiso e seriedade” da Xunta coa mobilidade segura e coa protección dos peóns de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía de Arousa, 6 de abril de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe as obras de instalación dun paso de peóns semaforizado en Sobrán, no entronque entre a rúa San Cibrán e a Avenida de Cambados de Vilagarcía de Arousa, para mellorar a seguridade vial neste punto urbano da estrada autonómica PO-549.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este mediodía, co xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, o arranque dos traballos, nos que o Goberno galego inviste 42.000 euros e que estarán rematados nos vindeiros días, xa que se trata dunha actuación áxil.

“Creo que hoxe a Xunta de Galicia demostra, unha vez máis, o seu compromiso e seriedade coa mobilidade segura e coa protección dos peóns de Vilagarcía de Arousa, xa que atendemos as súas xustas demandas, refrendadas ademais polos servizos técnicos autonómicos, nun tempo récord. Esta actuación podería estar acometida con antelación, pero non foi posible por causas alleas á Xunta. En todo caso o importante é que xa é unha realidade e agardamos que a veciñanza se sinta máis segura e cómoda neste punto de tanto tráfico e con dificultades de visibilidade por tratarse dun treito urbano”, sinalou Luis López.

“Foi das primeiras obras que saíu a contratación este ano, tan pronto como se produciu a apertura técnica dos Orzamentos 2021 a mediados de febreiro, e xa estaba adxudicada a comezos de marzo para iniciar a obra nun mes, o que demostra o elevado grao de interese da Xunta para acometela”, detallou o representante autonómico.

Esta actuación, que atende a demanda formulada pola veciñanza da asociación Miramar e dos lugares de Vilaxoán, Faxilde e Sobradelo, foi informada favorablemente polos servizos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas o pasado verán e posteriomente realizáronse os correspondentes trámites burocráticos e a obtención dos permisos das conexións co Concello de Vilagarcía de Arousa.

Os traballos consisten na instalación dun paso de peóns semaforizado no punto quilométrico 1+690 da estrada autonómica PO-549, xunto con outras obras complementarias, como a ampliación das beirarrúas existentes para incrementar a visibilidade dos peóns á hora de cruzar a estrada e para mellorar a accesibilidade coa instalación de vaos peonís en ambas as marxes, co obxectivo de que a nova configuración axude a absorber e garantir as boas condicións de tránsito das persoas procedentes das rúas Bouza de Abaixo e San Cibrán.

Así mesmo, reforzaranse as condicións de visibilidade, deixando liberado o espazo entre os puntos 1+620 e 1+660. Converterase ese treito de 40 metros nunha cuña de aceleración para facilitar as manobras e outorgar máis seguridade aos vehículos que se incorporen á vía autonómica.

Imaxes relacionadas