Gonzalo Trenor explica aos empresarios da Sionlla os plans de expansión do polígono con 305.697 metros cadrados dispoñibles cun 30% de bonificación na súa venta

O delegado da Xunta mantivo unha xuntanza con representantes da asociación de empresarios para trasladarlles os cambios incluídos no proxecto sectorial para permitir a implantación de novo tecido empresarial

O representante do Goberno autonómico tamén lembrou que ata o 15 de maio está aberto o prazo para presentar propostas á nova Lei de áreas empresarias que reforzará a estratexia de desenvolvemento destas superficies
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse cos representantes do polígono industrial de A Sionlla para informarlles de que este parque empresarial que conta con 63 parcelas dispoñibles en 2021 cunha superficie de 305.697 metros cadrados que contarán cunha bonificación do 30% sobre o prezo de venda. O representante do Goberno autonómico destacou que o obxectivo da Xunta é “ofrecer chan industrial con bos servizos e a un prezo competitivo para facilitar a implantación de novos proxectos empresariais en Galicia”.

No encontro Gonzalo Trenor informou que no Consello da Xunta do 18 de marzo aprobouse a modificación do proxecto sectorial do parque empresarial da Sionlla para dar resposta ás necesidades detectadas durante a comercialización do parque.

Entre as novidades incluídas neste documento destacan a simplificación das ordenanzas particulares para facilitar a implantación de actividades en solo de uso mixto industrial-terciario e a ampliación do uso terciario das parcelas acaroadas en esquina, incluíndo a posibilidade de desenvolver uso hoteleiro nelas.

Ademais, este texto recolle a simplificación da ordenanza de edificación semiacaroadas, fundamentalmente na definición de recuamentos e da parcela mínima e máxima e o aumento da ocupación do 50% ao 70% en parcelas con edificación exenta.

Trenor tamén explicou que a partir de agora elimínase a obriga de realizar estudos de detalle para parcelas de máis de 10.000m2 con edificación exenta e modifícanse as condicións dos cerramentos de parcela e a definición das condicións dos muros de contención en interior de parcelas. Finalmente, esta modificación tamén recolle a simplificación da tramitación dos permisos de vertedura e actualizacións da normativa sectorial relativa ás servidumes aeronáuticas.

Lei de áreas empresarias

Na reunión o delegado da Xunta tamén informou dos avances na tramitación da Lei de áreas empresariais para reforzar as estratexias de desenvolvemento e implantación destas superficies na Comunidade Autónoma. A este respecto, sinalou que está aberta, ata o 15 de maio, a consulta pública para poñer a disposición da sociedade o texto, polo que animou aos empresarios a presentar as súas achegas para que o documento final acerte coas propostas e estea aberto á maior participación posible.

Ademais da antedita lei, que supón unha oportunidade para impulsar a implantación das áreas empresariais e mellorar a eficacia das ferramentas que temos e concretar os sistemas de xestión, Trenor fixo referencia a outra serie de medidas como a potenciación do Plan sectorial de áreas empresarias de Galicia, para delimitar os ámbitos que se poden desenvolver como proxectos de interese autonómico, así como diferenciar entre as áreas empresariais de carácter estratéxico e as de nivel comarcal ou supracomarcal.

Outra das medidas será o mantemento das bonificacións do solo con porcentaxes entre o 30 e o 50%, coa posibilidade de aprobar proximamente unha liña de axudas para desenvolver pequenas áreas empresariais.

 

Imaxes relacionadas