A Xunta recibe un total de 28 ofertas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na AC-840 entre Porzomillos e Oza, en Oza-Cesuras, que suporán un investimento de preto de 454.000€

O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano as dúas intervencións previstas, que se realizarán de xeito coordinado e simultáneo

Atendendo á solicitude do Concello construirase un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, de preto de 1,4 quilómetros de lonxitude

Tamén se intervirá na intersección que conecta esta estrada autonómica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña

Executaranse novos carrís de aceleración e deceleración, así como dous carrís centrais de espera que permitan os xiros á esquerda
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir un total de 28 ofertas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-840 entre Porzomillos e Oza, no concello de Oza-Cesuras, que suporán un investimento autonómico de preto de 454.000 euros.

Trátase da construción dunha senda entre estes dous núcleos e da reordenación dunha intersección na estrada de titularidade da Xunta AC-840, ao seu paso polo municipio.

O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano ambas as dúas intervencións, de xeito coordinado e simultáneo, para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna.

Senda peonil e ciclista

Atendendo á solicitude do Concello construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

Para executar esta obra, licitada por case 267.000 euros, presentáronse un total de 15 empresas. O obxectivo da intervención é mellorar as actuais prestacións da estrada, permitindo un movemento seguro dos usuarios máis vulnerables.

O novo itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, construirase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase desta por un bordo de formigón.

Nas interseccións da senda con outras vías rematarase, tanto ao inicio como ao final, con 1 metro de baldosa podotáctil.

A construción desta senda leva aparellada a disposición dos dispositivos necesarios para a recollida e evacuación das augas superficiais, o retranqueo dos postes de telecomunicacións e a recolocación das sinais existentes.

Reordenación da intersección da AC-840

A outra intervención prevista de mellora da seguridade nesta vía céntrase na reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000. As obras foron licitadas por un importe que rolda os 187.000 euros e para a súa execución a Xunta recibiu un total de 13 ofertas.

Trátase da reordenación da intersección, que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permitan todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.

Con estas actuacións a Xunta continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.