A Xunta colabora co concello de Marín na mellora e renovación da luz pública exterior en San Pedro
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as melloras levadas a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o concello de Marín que contou cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental para a mellora e renovación da luz pública exterior en San Pedro, por importe de case 32.000 euros.
Segundo indicou Natalia Prieto, estas pequenas pero tan relevantes axudas para moitos concellos galegos amosan a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais para que poidan prestar servizos de calidade á cidadanía.
Esta actuación é un dos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destina 11 millóns de euros na convocatoria deste ano. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.
O concello de Marín leva recibidos máis de 500.000 euros nos últimos anos para diversas actuacións grazas as ordes de axudas da Vicepresidencia primeira. Concretamente, o pasado ano, ademais desta axuda do Fondo de Compensación Ambiental, recibiron preto de 35.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público para a mellora da renovación da iluminación pública en Mogor e 15.000 euros do convenio para acondicionamento das praias.