A Xunta recibe un total de 12 ofertas para executar as obras de mellora da conexión da vía rápida do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo, que suporán un investimento autonómico de 335.000€

O obxectivo é iniciar os traballos despois do verán coa fin de mellorar a fluidez do tráfico nesta contorna e reducir os atascos na época estival

Construirase un novo ramal para os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-540, substituíndo ao actual

Ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional, complementándose con outras actuacións de reforzo da seguridade

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

A Xunta vén de recibir un total de 12 ofertas para executar as obras de mellora da conexión da vía rápida do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo, que suporán un investimento autonómico de 335.000 euros.

Trátase de actuar nunha zona na que actualmente os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo, acceden ao enlace coa estrada PO-504 a través dun ramal que ten moi pouco radio de xiro e regulado por un stop. Iso provoca que, nas xornadas de moito tráfico procedente das praias, se xeren retencións que, en ocasións, chegan ata o tronco da vía rápida e dificultan a circulación.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade persegue a mellora da fluidez do tráfico nesta contorna e reducir os atascos na época estival. O obxectivo é iniciar as obras despois do verán.

Para evitar este problema, a Xunta prevé optimizar a conexión dese ramal de saída ao enlace coa PO-504. Para iso, construirase un novo ramal de saída, cun radio de xiro axeitado, que vai substituír o actual e vai permitir eliminar o stop.

Ademais, ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional.

As obras complementaranse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas.

Esta conexión da vía rápida coa estrada que vai a Sanxenxo, permitirá gañar en capacidade, o que suporá unha mellora considerable do fluxo de tráfico nesta zona de gran atractivo turístico.