A conselleira de Política Social achegouse esta mañá visitou esta mañá a Asociación Xuvenil Abertal

Fabiola García destaca a aposta da Xunta polo voluntariado con máis de 500.000 euros en axudas para que concellos e entidades realicen proxectos neste eido

O Goberno galego convoca tres liñas de subvencións para impulsar programas para persoas de entre 16 e 30 anos ou para maiores de 55 anos

As entidades de acción voluntaria e as entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia poderán solicitar as axudas ata o día 30 de abril

Vigo, 5 de abril de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a aposta da Xunta de Galicia polo voluntariado ao destinar máis de 500.000 euros a través de tres liñas de axudas para que Concellos e entidades de acción voluntaria realicen proxectos neste eido. Fíxoo esta mañá durante vista á Asociación Xuvenil Abertal, que o ano pasado se acolleu a unha destas ordes para desenvolver un programa de apoio escolar.

Fabiola García puxo en valor o traballo realizado por institucións como Abertal, que traballan no eido do voluntariado a través de diferentes iniciativas. En concreto, a asociación, que pertence á Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, puxo en marcha o programa Xixín, co que se deu apoio escolar a uns 25 nenos e nenas que se encontran en situación de vulnerabilidade social.

A conselleira de Política Social salientou a necesidade de seguir apoiando actividades como esta, que procuran axudar de maneira solidaria a aqueles que o precisan. Así mesmo, explicou que estas novas convocatorias permitirán a realización de proxectos en varios ámbitos, como o Camiño de Santiago, o coidado polo medio rural ou a formación, entre outros.

As entidades de acción voluntaria, así como as entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que desenvolvan as actividades durante este ano 2021, terán ata o día 30 deste mesmo mes para presentar as solicitudes para as tres subvencións.

Fomento da sensibilización e formación voluntaria

A primeira destas liñas de axudas terá como beneficiarias aquelas entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro e que se orienten á sensibilización, formación e coordinación en materia de acción voluntaria. O importe destas axudas será de 145.415 euros.

Para acceder a esta subvención deben desenvolver proxectos en áreas como a sensibilización, a formación e a coordinación dentro do voluntariado a través de diferentes actividades como xornadas de aprendizaxe, seminarios ou campañas, entre outros.

Voluntariado sénior

A segunda destas axudas irá destinada a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no programa Voluntariado Sénior. Os proxectos deberanse desenvolver tamén desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro deste ano e os usuarios deberán ser persoas maiores de 55 anos.

As temáticas que ocuparán un carácter prioritario, aínda que non exclusivo, serán as relacionadas coa igualdade de xénero, a recuperación da cultura, a arte e a tradición galega, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, así como aquelas orientadas á innovación e investigación en relación ao benestar das persoas maiores. O importe total destas subvencións será de 100.000 euros.

Voluntariado xuvenil

Por último, a terceira orde irá dirixida a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no Programa Servizo de Voluntariado Xuvenil. Este programa está deseñado para fomentar a participación de persoas de entre 16 e 30 anos que desenvolvan iniciativas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano e terán como temáticas prioritarias as relacionadas coa igualdade de xénero, a posta en valor do medio rural ou o benestar das persoas maiores. O importe destas axudas será de 255.000 euros.

Imaxes relacionadas