A Xunta recibe un total de 13 ofertas para executar as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso en Noia e Outes, que suporán un investimento autonómico de 707.000 euros

Catro das ofertas foron presentadas por UTE, sumando un total de 17 empresas implicadas na licitación

Levarase a cabo unha actuación integral para mellorar a seguridade e garantir a conservación desta infraestrutura que forma parte da estrada AC-196 e que está catalogada como ben patrimonial

O proxecto inclúe actuacións para a iluminación monumental da propia ponte

A intervención enmárcase no programa pioneiro de inspección e control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta para garantir a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas con actuacións preventivas

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

A Xunta recibiu un total de 13 ofertas para executar as obras de rehabilitación e posta en valor da ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e Outes.

Das 13 ofertas presentadas, 4 están conformadas por UTE, o que supón un total de 17 empresas.

A actuación integral nesta ponte ten como obxectivo mellorar a seguridade desta infraestrutura e garantir a súa conservación. Para acadar este obxectivo a Xunta investirá un total de 707.000 euros, tendo en conta as actuacións de vixilancia ambiental e o seguimento e control arqueolóxico.

As actuacións impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na ponte Nafonso, un ben catalogado patrimonialmente, consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente, que se atopa deteriorada.

Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores da ponte coa fin de mellorar o seu aspecto estético, eliminando os elementos danados da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

O proxecto tamén prevé dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Ademais colocaranse paneis informativos e carteis de localización.

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.