O 98,76% do alumnado de cuarto de infantil obtén praza no centro educativo escollido como primeira opción

Este ano recibíronse un total de 15.414 solicitudes de nenos de 3 anos que se incorporan así ao sistema educativo

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2021

O 98,76 % do alumnado que solicitou praza en 4º de educación infantil –3 anos– nos centros educativos sostidos con fondos públicos nas catro provincias galegas para o vindeiro ano académico 2021/2022 obtívoa no colexio escollido como primeira opción.

Dentro do mencionado colectivo de alumnado de 3 anos, tan só un 1,24 % non acadou unha praza no centro de primeira escolla. Para esta pequena porcentaxe, as prazas serán asignadas pola Comisión de escolarización de cada zona, atendendo aos seguintes centros da preferencia marcada na solicitude de admisión.

En total, recibíronse 15.414 solicitudes en Galicia, polo que resulta suficiente a oferta de prazas en 4º de educación infantil, con 26.800 postos. Son 1.576 solicitudes menos que o curso pasado, en liña co descenso demográfico de 1.855 nacementos rexistrado en 2018, ano de nacemento dos nenos agora escolarizados. Así pois, a caída da natalidade é mesmo máis acusada que o descenso de solicitudes de escolares.

Os datos polas catro provincias son os seguintes:

 

Provincia
Solicitudes recibidas
Escolarizados en 1ª opción
A Coruña
6620
98,66 %
Lugo
1768
97,96%
Ourense
1386
98,41%
Pontevedra
5640
99,2 %
Galicia
15414
98,76 %

Os datos polas sete principais cidades son os seguintes:

 

Cidade
Solicitudes recibidas
Escolarizados en 1ª opción
A Coruña
1565
97 %
Ferrol
327
96,94 %
Santiago de Compostela
734
100 %
Lugo
638
98,75 %
Ourense
621
98,71 %
Pontevedra
603
98,18 %
Vigo
1818
99,06 %

 

Imaxes relacionadas