A Xunta adxudica por un investimento de máis de 2,9 millóns de euros a execución das obras de mellora do firme nas estradas autonómicas da provincia da Coruña AC-840 e AC-523

As intervencións comezarán na segunda quincena de abril e teñen por obxectivo a rehabilitación integral do firme en 50 quilómetros destas dúas estradas

Na AC-523 os traballos levaranse a cabo nos treitos que transcorren polos concellos da Laracha e de Cerceda

Na AC-840 as actuación proxéctanse nos tramos que presentan maior deterioración en Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación e na mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria
 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de execución de mellora de firme nas estradas da provincia da Coruña AC-840 e na AC-523, por un investimento autonómico de máis de 2,9 millóns de euros.

A intervención foi adxudicada á empresa F. Gómez y Cía. S.L e está previsto o seu comezo na segunda quincena de abril.

O contrato ten como obxectivo a rehabilitación integral do firme en 50 quilómetros destas dúas estradas autonómicas.

No que se refire á estrada AC-523 os traballos levaranse a cabo nos treitos que transcorren polos concellos da Laracha e de Cerceda.

No caso da estrada AC-840 as actuación proxéctanse naqueles tramos que presentan maior deterioración, ao seu paso polos termos municipais de Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso.

A intervención, enmarcada no Plan de reforzos de firme impulsado polo Goberno galego, consistirá na rehabilitación da capa de rodadura nos treitos das estradas que presentan maior deterioración.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios na condución, así como contribuír á durabilidade do bo estado do firme.