A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe
Desactivada a Situación 2 no incendio rexistrado no concello de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos, ao non haber perigo para núcleos de poboación
Neste lume de Folgoso do Courel, a superficie afectada estimada supera as 200 hectáreas
Permanecen activos os lumes nos municipios de Cerdedo-Cotobade (San Xurxo de Sacos) e de Rodeiro (Pedroso), que afectan 50 e 120 hectáreas respectivamente
Segue controlado o lume no concello de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle, que afecta 38 hectáreas
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.
ACTIVOS
Folgoso do Courel
Desactivada a Situación 2 no incendio rexistrado no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos, ao non haber perigo para núcleos de poboación. O lume iniciouse ás 23,43 h. da pasada noite e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada supera as 200 hectáreas. No lugar traballan 7 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 4 avións.
Cerdedo-Cotobade
Permanece activo o lume rexistrado no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de San Xurxo de Sacos tras comezar ás 23,56 h. da pasada noite. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 50 hectáreas. No seu control están participando 6 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
Rodeiro
Tamén segue activo o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Pedroso, tras comezar ás 23,40 h. da pasada noite. Segundo as últimas medicións, a superficie afectada é dunhas 120 hectáreas. No lugar traballan no seu control 1 técnico, 4 axentes, 6 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.
CONTROLADOS
Monforte de Lemos
Permanece controlado desde as 5,50 h. desta madrugada o lume rexistrado no concello lugués de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle, tras comezar onte ás 13,53 h. Tras unha nova medición, a superficie afectada é de 38 hectáreas, das cales 30 son arboradas e 8 de monte raso. Na súa extinción levan participado 1 técnico, 6 axentes, 15 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.