Medio Ambiente licita por máis de 75.000 euros o acondicionamento dun espazo público no lugar de Mugares, en Toén

O proxecto ten como principal obxectivo acometer unha actuación integral para recuperar esta zona, na que se localizan un conxunto de hórreos e un pombal, ao tempo que se pavimentan e acondicionan os camiños que conducen á mesma

O prazo de execución estimado das obras, cofinanciadas pola Xunta e o Concello nun 70% e nun 30%, respectivamente, é de seis meses
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou por un importe de 75.152,93 euros, IVE incluído, as obras de acondicionamento dun espazo público no lugar de Mugares, no concello de Toén.

Cun prazo de execución estimado de seis meses, as obras consistirán en acondicionar os terreos nos que se asentan un conxunto de hórreos e un pombal, procedendo á súa limpeza e á colocación de travesas de madeira tratada, recuperadas das vías do tren e colocadas para favorecer a accesibilidade entre a zona do miradoiro e o espazo empedrado, situado na eira do pombal. Xunta e Concello cofinanciarán a actuación en virtude dun convenio asinado en outubro do ano pasado, cunha achega do 70% e do 30%, respectivamente.

Os traballos incluídos no contrato que se acaba de licitar tamén prevén intervir sobre os dous camiños que levan ás parcelas nas que se atopan estes elementos e que nestes momentos non están en bo estado. Concretamente, prevese a retirada do actual pavimento de formigón para, posteriormente, colocar unha capa de xabre a modo de acabado así como empedrado de pedra morena na zona de contacto cos muros.

Así mesmo, co fin de completar o acondicionamento do conxunto, plantaranse ao longo do camiño árbores típicas da contorna (cereixos e loureiros) e acometerase o empedrado con lousas de pedra morena na zona asignada como espazo de recreo e miradoiro, onde, ademais, se colocarán bancos e máis árbores a modo de zona de descanso.

A execución desta obra enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais na execución de diferentes intervencións e proxectos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, nos orzamentos da Consellería para 2021 hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para axudar a financiar obras destinadas á creación ou mellora de equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.

De feito, o pasado 8 de marzo convocouse unha nova orde de axudas para financiar equipamentos municipais en concellos de menos de 20.000 habitantes. Este programa, de carácter bianual, ten consignados 1,3 millóns para financiar actuacións ao longo de 2021 e outros 950.000 euros para o vindeiro exercicio.