A conselleira de Política Social participou esta mañá nun acto en conmemoración do Día Mundial do Autismo organizado pola entidade Amicos

Fabiola García pide avanzar xunto ás persoas con autismo cara unha sociedade sen estereotipos

Sinala que o Goberno galego acompaña ás persoas con Trastorno do Espectro Autista desde a infancia e ata as idades máis adultas

Ribeira (A Coruña), 31 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, pediu avanzar xunto ás persoas con autismo cara unha sociedade sen estereotipos durante a súa intervención nun acto organizado por Amicos en conmemoración do Día Mundial do Autismo. A cita, que tivo lugar esta mañá en Ribeira, ten como obxectivo visibilizar esta efemérides, que se celebra o venres, 2 de abril.

A conselleira remarcou que en días coma esta faise máis necesario ca nunca amosarlle ao mundo do que son capaces as persoas con autismo. Neste sentido, agradeceu a Amicos a súa implicación todos os días do ano para darlle ás persoas con autismo e ás súas familias as ferramentas necesarias para o seu libre desenvolvemento e para gañar en autonomía.

Destacou tamén que o Goberno galego seguirá colaborando coas entidades de discapacidade para acompañar ás persoas con autismo desde a infancia, a través da rede de unidades de atención temperá; e durante a xuventude, a través da educación e a formación profesional específica; e a madurez, con centros de día e ocupacionais que axuden á súa integración.

Imaxes relacionadas