A Xunta licita por 2,6 M€ as obras de abastecemento de Teixeiro e a ampliación da potabilizadora para cubrir as necesidades do municipio e do polígono industrial

O delegado da Xunta e o alcalde de Curtis visitaron a zona na que se levará a cabo a actuación

A mellora proxectada servirá a unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042

Para garantir auga potable á poboación, aos axentes industriais e ao centro penitenciario de Teixeiro executarase unha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana

As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 29 de abril para presentar as súas ofertas
 

Curtis (A Coruña) , 31 de marzo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitou esta mañá o polígono de Teixeiro-Curtis para informar da licitación, no día de hoxe, e por improte de 2,6 M€, da obra de mellora do abastecemento e a ampliación da potabilizadora de Curtis, no que colaboran a Xunta de Galicia e o Concello.

As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 29 de abril para presentar as súas ofertas.

A actuación permitirá que a totalidade do municipio dispoña de auga en cantidade e calidade necesarias, cubrindo tamén as necesidades de subministro do centro penitenciario de Teixeiro e das empresas asentadas no polígono industrial.

Trenor destacou que a actuación se enmarca no convenio de colaboración entre Xunta e Concello, que recolle un investimento máximo de 2,6 millóns de euros, que serán achegados, na súa meirande parte polo Goberno galego, 2,1 millóns de euros. O Concello de Curtis achegará o financiamento restante, 500.000 euros.

Para garantir o abastecemento de auga potable á poboación e aos axentes industriais de Curtis levarase a cabo a execución dunha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana, que permitirá captar 80/litros por segundo.

O proxecto completarase cunha nova tubaxe de impulsión, de 3.600 metros de lonxitude, entre o edificio de bombeo e a estación de tratamento de auga potable existente no polígono industrial de Curtis.

Ademais, procederase á ampliación da potabilizadora, o que permitirá incrementar a súa capacidade ata os 80 l/s e mellorar substancialmente, tanto o filtrado da auga como o seu tratamento. Coa mellora proxectada servirase unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042, ademais da demanda do polígono industrial e do centro penitenciario da localidade.

Gonzalo Trenor destacou que esta obra é “estratéxica”, por canto permitirá que a totalidade do municipio dispoña de abastecemento de auga, un servizo que, ademais, se verá mellorado no núcleo urbano; permitirá cubrir os picos de demanda en todo momento, xa sexa polo aumento de poboación ou por momentos puntuais de escaseza no estío; e dará cobertura ás necesidades de subministro do centro penitenciario e ás empresas do polígono industrial, evitando que este aspecto poida supoñer unha traba para o seu desenvolvemento presente e futuro.
 

Imaxes relacionadas