A Xunta investirá 1,5 M€ na rehabilitación dos institutos Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Román Rodríguez salienta que serán dos primeiros centros adaptados ao modelo poscovid que impulsa o Goberno galego, con espazos máis amplos, flexibles e sostibles, o que suporá “un plus de calidade” para a comunidade educativa de ambos

No caso do Lucus Augusti os traballos “respectarán ao máximo” o carácter histórico do edificio co reto de responder “ás exixencias académicas, sanitarias e tecnolóxicas do século XXI”

A Consellería de Educación leva investidos no último ano máis de 8,5 millóns de euros na cidade de Lugo en melloras en centros educativos
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vai acometer a rehabilitación integral dos institutos Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes, unhas obras que forman parte do conxunto de actuacións previstas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que contempla un investimento total de 191 M€ para toda Galicia nesta lexislatura.

Así o adiantou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, con motivo dunha visita ao CIFP Politécnico de Lugo para supervisar as obras de ampliación na que se están investindo 1,2 millóns de euros. Durante a visita, na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, o conselleiro recordou que con estas obras do Politécnico aténdense as necesidades de espazo dos ciclos de carpintería da familia de madeira e moble. O novo edificio proxéctase cunha concepción innovadora e sostible con estrutura e acabados en madeira de orixe local e cunha superficie útil de máis de 700m² alberga tres talleres, dous porches, vestíbulo, departamento de profesores e aseos, así como e local para instalacións.

Durante a súa visita en Lugo, Román Rodríguez avanzou a rehabilitación integral dos institutos Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes, por un importe aproximado de 1,5 millóns de euros. Segundo dixo, estes dous centros “van ser dos primeiros da provincia de Lugo cuxas obras se desenvolverán seguindo os parámetros establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica” que vén de aprobar o Goberno galego.

Á falta de que o proxecto técnico concrete as actuacións específicas, as obras previstas en ambos centros abranguen o illamento térmico e a renovación de carpinterías e luminarias, entre outras.

No caso do Lucus Augusti, Román Rodríguez explicou que as obras se van desenvolver “respectando ao máximo o carácter de patrimonio histórico educativo deste centro cuxa construción data dos anos 40 do século pasado” e que por iso, “precisa dunha renovación profunda do seu sistema de illamento, das súas instalacións e dos espazos educativos acorde ás necesidades académicas de hoxe e, sobre todo do futuro”. Este é precisamente un dos obxectivos que persegue o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o deseño “dun novo modelo de escolas para o século XXI capaces de afrontar con éxito os retos educativos, sanitarios e tecnolóxicos”, abondou o conselleiro.

Todos os proxectos que se leven a cabo ao abeiro deste plan −sexan rehabilitacións, ampliacións ou novas construcións− seguirán as especificacións nel establecidas e que contemplan unha parte académica (centrada en espazos máis inclusivos e vinculados á transformación dixital coa dotación de polos creativos), unha de infraestruturas (máis amplos, saudables e integrados na contorna e onde se preste especial atención aos patios e zonas comúns) e unha parte de sostibilidade ambiental e enerxética.

Proxecto xa en redacción

No caso da actuación prevista para o Lucus Augusti, a falta de concluír a redacción final do proxecto de actuación que nestes momentos están elaborando os técnicos, a actuación abrangue a colocación do sistema SATE (de illamento térmico exterior de todo o edificio), o cambio das carpinterías exteriores e a substitución das luminarias existentes por outras tipo LED. A nivel construtivo, o Lucus Augusti ocupa un único edificio de 4.600 m² edificados repartidos en dúas plantas altas e semisoto.

A previsión coa que traballa a Consellería de Educación é poder licitar a obra a finais deste ano para que os traballos se poidan empezar a acometer no verán de 2022 xa que, segundo explicou o conselleiro, ademais da redacción do proxecto, hai uns trámites administrativos preceptivos que cumprir nunha actuación “que vai supoñer un plus de calidade” para o conxunto da comunidade educativa deste instituto.

Apertura colexio Sagrado Corazón

Todas estas actuacións reflicten o compromiso inversor da Xunta de Galicia no ámbito educativo na cidade de Lugo, onde tan só o ano pasado acometéronse obras por importe de 8,5M€, cifra que acada case os 21M€ no período entre 2009 e 2021.

Entre as actuacións máis salientables no último ano cómpre destacar a construción do novo Colexio Sagrado Corazón, con máis de 4,27M€, unha obra que está totalmente rematada e que se empezará a usar o vindeiro curso 2021-22. A isto hai que engadir, ademais da ampliación de 1,22 M€ do CIFP Politécnico, os 1,8M€ da ampliación do instituto Sanxillao e do IES Muralla Romana (case 0,5 M€), e os case 275.000 de renovación do pavillón compartido entre o IES Nosa Sra. dos Ollos e o Lucus Augusti, todas elas obras xa en marcha.