A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo un encontro con asociacións de empresarios da provincia de Pontevedra

Ángeles Vázquez lamenta que o Goberno central aínda non dera resposta ao informe da Asesoría Xurídica da Xunta sobre a Lei de cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente traslada o apoio da Xunta ás empresas asentadas no litoral ou que dan servizo ás mesmas e sinala o estado de inseguridade e incerteza que sofren polo impacto que poida ter a devandita norma

Subliña, por outra banda, que Galicia sacou á venda máis de 857.000 m2 de solo a prezo bonificado e que xa se están a analizar as ofertas de 20 empresas, e adianta que nas vindeiras semanas se porán a disposición outros 1,4 millóns de m2

Pontevedra, 29 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lamentou esta mañá que a vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, aínda non dera resposta ao informe da Asesoría Xurídica da Xunta sobre a Lei de cambio climático, enviado semanas atrás xunto a unha carta.

Ángeles Vázquez sinalou que o Goberno central “fai oídos xordos” ás demandas do Goberno galego e do tecido empresarial que se atopa no litoral, e que os deixa nun estado de inseguridade xurídica e incerteza polo impacto que no seu futuro poida ter a Lei de cambio climático. Nesta liña, lembrou que, tal e como explica o informe xurídico, o artigo 18.4 da devandita norma é inconstitucional.

Esta mañá, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou un encontro con asociacións de empresarios da provincia de Pontevedra para brindarlles o apoio do Goberno galego ante o obxectivo que se marca o Estado, ao querer modificar pola porta de atrás os prazos de concesión que as empresas teñen sobre o dominio público marítimo terrestre, deixando na incerteza o futuro das actuais empresas asentadas no litoral, paralizando os investimentos das mesmas e desalentando a implantación de novas actividades.

“Un cambio que afectará, como mínimo, a un cento de empresas da cadea mar-industria e será un freo para o sector marítimo pesqueiro”, recordou Vázquez Mejuto, ao que engadiu que o Executivo central coñece a oposición da Administración autonómica a este cambio normativo, e cada vez son máis as voces que se suman á esta denuncia, tanto desde Galicia como desde outros puntos do país.

Así mesmo, a conselleira aclarou que a Xunta trasladou por escrito todas estas inquietudes non só ao Estado, senón tamén aos concellos galegos con dominio público marítimo terrestre, para que coñezan o alcance e as consecuencias destas decisións; pero sobre todo porque “a Xunta non oculta, informa”.

Solo para a fixación de empresas

Por outra banda, Ángeles Vázquez aproveitou a xuntanza cos empresarios para trasladarlles que a Xunta é a única Administración pública que aplica bonificacións á adquisición de solo empresarial de ata un 50%. Grazas ao esforzo realizado nos últimos anos, adxudicáronse preto de 2,34 millóns de metros cadrados, con bonificacións e en dereito de superficie, que suman un importe global de 77,8 millóns de euros.

Indicou que neste ano se abre unha terceira vía para facilitar o acceso ao solo empresarial como é a través do arrendamento, polo que por primeira vez se realiza unha oferta pública de parcelas a alugueiros moi reducidos.

A conselleira destacou que no solo promovido ao 100% pola Xunta darase continuidade á política de incentivos, polo que tamén esta mañá nunha reunión da Sociedade Empresarial do Atlántico (SEA), solicitou a esta entidade estatal -xunto con Sepes- que realice o mesmo esforzo e que pondere as oportunidades que ofrece o solo empresarial do que dispón en Galicia, para así facelo atractivo para o asentamento de empresas na Comunidade e evite o asentamento noutras rexións.

Ademais, sinalou que o Goberno galego oferta solo empresarial a través de Xestur e neste ano sacou á venda máis de 857.000 m2 de solo a prezo bonificado, nun 30 e 50%, un total de 280 parcelas en 17 concellos. Na actualidade, estanse a analizar as ofertas presentadas 20 empresas. No caso concreto da provincia de Pontevedra, hai un total de 44 parcelas, que suman 182.312 m2 e que están localizados nos parques de Arbo, Lalín, Mos, A Reigosa en Ponte Caldelas e Silleda.

Sobre isto, engadiu que esta oferta de solo de Xestur se completa coa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que nas vindeiras semanas convocará o concurso de venda ou adxudicación en dereito se superficie do solo polo cal se pon a disposición das empresas máis de 1,4 millóns de m2 de solo bonificado repartidos en 545 parcelas nun total de 48 concellos.

Así mesmo, Ángeles Vázquez destacou que na provincia de Pontevedra hai unha actuación destacada, como é o solo na Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, na que a Xunta é un dos tres promotores xunto coa Zona Franca e a Autoridade Portuaria de Vigo, e que está considerada como unha área empresarial estratéxica para Galicia. Avanzou que na vindeira semana se celebrará unha comisión de seguimento na que impulsará un acordo para manter as condicións de venta de solo empresarial do pasado ano.

Unha nova lei

Por último, a conselleira de Medio Ambiente subliñou que o Goberno galego non só ofrece solo empresarial bonificado, senón que tamén traballa un marco lexislativo que ofreza seguridade e estabilidade, grazas á Lei de desenvolvemento de áreas empresariais de Galicia, que ese atopa en período de consultas ata o 15 de maio, polo que invitou aos empresarios a trasladar as súas achegas e contar cun documento de consenso.

Explicou que entre os seus obxectivos principais está o impulso de instrumentos de implantación de áreas empresariais e de proxectos industriais na Comunidade, a mellora da súa eficacia e a concreción dos sistemas de xestión destas áreas unha vez rematadas; así como definir unha distribución de áreas estratéxicas, que na provincia de Pontevedra destacan o solo empresarial no concello de Mos e o da Plisan.

A conselleira concluíu que todas estas medidas e incentivos postos en marcha polo Goberno galego responden á necesidade de facilitar o asentamento de empresas na Comunidade galega, apoiándoas especialmente nun momento tan difícil como o actual.

Imaxes relacionadas