O conselleiro participa na Conferencia General de Política Universitaria

Galicia continuará sendo a CCAA cos prezos de matrícula universitaria máis baixos e cumpre xa cos novos requerimentos

O Ministerio propón fixar un prezo máximo de referencia para os máster habilitantes, en función do da matrícula de grao

En Galicia os prezos de todos os máster, habilitantes ou non, están xa equiparados cos de grao, polo que se cumpre sobradamente o que propón o Goberno central

Un alumno galego aforra entre 308 e 1.150€/curso en función do tipo de estudos grazas á política de taxas da Xunta de Galicia

Román Rodríguez pide ao ministro de Universidades deseñar un plan estatal para investir fondos europeos na rehabilitación enerxética dos edificios universitario
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reafirmou hoxe na Conferencia General de Política Universitaria que Galicia continuará sendo a Comunidade Autónoma cos prezos públicos medios de matrícula universitaria máis baixos de España. Así mesmo, explicou que Galicia cumpre xa sobradamente os novos requerimentos que o Ministerio de Universidades propón para os prezos de matrícula dos máster habilitantes, en concreto establecer co horizonte do curso 2022/2023 un prezo máximo en referencia ao prezo de matrícula de grao.

Neste sentido cómpre lembrar que Galicia equiparou no ano 2018 os prezos de máster habilitante (os que son necesarios para exercer unha profesión) aos de grao e que no 2020 equiparou tamén as taxas dos máster non habilitantes (enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica). Isto, combinado co feito de que a Xunta leva unha década conxelando as taxas das titulacións de grao, converte o Sistema Universitario de Galicia (SUG) no máis asequible de toda España para os estudantes.

Román Rodríguez celebrou que o Ministerio de Universidades siga o exemplo de Galicia na súa política de prezos de matrícula e salientou a importancia que esta liña de actuación ten para que todos os estudantes poidan acceder ao ensino universitario en igualdade de condicións. “Galicia ten neste momento a universidade máis accesible”, afirmou.

A este respecto recordou que un estudante galego de grao pode aforrar, con respecto á media de España, un total de 308,40 euros ao curso en matrículas. No caso dos que cursan máster habilitantes, o aforro medio por estudante en comparación coa media de España é de 660 € por curso; mentres que no de máster non habilitante o aforro con respecto á media de España elévase a 1.150,20 €/curso e por estudante.

Fondos europeos

O conselleiro de Educación pediu ao ministro de Universidades un plan estatal, coordinado polo Ministerio e coa participación das comunidades autónomas e as universidades, “en aras dunha cogobernanza real”, para investir parte dos fondos europeos na rehabilitación enerxética do parque de edificios universitarios.

Román Rodríguez explicou a importancia de reflexionar sobre o uso equilibrado destes fondos europeos, de tal forma que non consoliden un gasto corrente que acabe por lastrar ás administracións autonómicas e universitarias cando estes fondos adicionais desaparezan.

A este respecto, salientou que destinar este orzamento a obras de rehabilitación enerxética permitiría a redución de gasto medioambiental, o que constituiría un exemplo desde a Administración pública, ao tempo que se diminuirían os custos de mantemento e de consumo enerxético das facultades

“É moi importante buscar fórmulas de cogobernanza e liñas de traballo que posibiliten xestionar dun modo racional os fondos europeos”, incidiu, solicitando ao ministro unha liña de traballo para “entre todos, deseñar un plan de eficiencia enerxética para as universidades”, que xeraría ademais unha intensa actividade económica en materia de man de obra e novas tecnoloxías para adaptar os edificios aos novos parámetros.
 

Imaxes relacionadas