Inícianse con normalidade en Ourense, Lugo e Silleda as oposicións para o corpo de xestión da Xunta de Galicia

As probas desenvólvense simultaneamente nas tres sedes e a porcentaxe de participación é do 50,8%

Pola tarde celebraranse os exames para o grupo A2 de Educadores

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021

A Xunta vén de iniciar con normalidade e de forma simultánea as oposicións multisede para 85 prazas do grupo A2 do Corpo de Xestión/Grupo II da Administración autonómica.

A porcentaxe de participación nos exames que se celebran simultaneamente no recinto da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense; no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, é do 50,8%. A estas probas estaban convocados un total de 2.009 aspirantes dos que finalmente se presentaron 1.020.

Os exames desenvólvense con todas as garantías sanitarias logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

A continuación, pola tarde ás 16,30h realizaranse tamén de forma simultánea en Ourense, Lugo e Silleda os exames para 86 prazas do grupo A2 Educadores nos que están chamadas a participar 1.965 persoas.

Probas con garantías sanitarias e operativo de seguridade

Para a celebración dos exames estase a seguir un protocolo avalado polas autoridades sanitarias que establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

Proporciónase a todos os aspirantes unha máscara que é de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén é obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se pode compartir material.

Ademais, ventílanse os pavillóns e mantéñense as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores é de entre catro e cinco metros.

Un operativo formado por preto de 300 persoas controla que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. Os tres recintos dispoñen tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Imaxes relacionadas