A Xunta adquire tres vehículos ‘cero emisións’ para renovar o seu parque móbil

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adquiriu tres vehículos cero emisións para renovar o seu parque móbil, por un importe de 81.219 euros. Os tres turismos adquiridos son un modelo híbrido conectable de gasolina (PHVE) e poden acadar unha autonomía de 50 quilómetros.

Con esta compra, redúcese o impacto ambiental e increméntase o aforro económico, á vez que se reforza a seguridade dos usuarios, xa que os novos automóbiles híbridos substituirán a coches con máis de dúas décadas de antigüidade. Ademais, avánzase no camiño iniciado polo Goberno galego de priorizar alternativas asociadas a unha menor taxa de emisións e ao impulso da mobilidade eléctrica na renovación do parque de vehículos da Xunta.

Así mesmo, a Consellería traballa noutro contrato para adquirir outros catro vehículos cero emisións para o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

Estas actuacións seguen as directrices marcadas pola Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, elaborada pola Consellería para fomentar unha Administración pública exemplar.
 

Imaxes relacionadas