O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade preside a Xunta Autonómica de Directores no último día lectivo do segundo trimestre

A Xunta dotará de polos creativos a todos os centros escolares para estimular vocacións científicas e tecnolóxicas

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica prevé impulsar estes espazos para fomentar as competencias STEM, o traballo colaborativo e as habilidades creativas

Na xuntanza, informouse da terceira macroenquisa para testar a convivencia nos centros escolares, así como da prórroga dos libros de texto para o vindeiro curso

Román Rodríguez trasladou aos directores dos centros o agradecemento polo esforzo e traballo desenvolvido ao longo deste trimestre que agora remata
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de compartir coa Xunta Autonómica de Directores os obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para deseñar os espazos escolares do futuro ao servizo das novas esixencias tanto de carácter académico como funcional e medioambiental.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzoulles aos directores que, no marco deste novidoso plan, os centros escolares van contar con polos creativos vinculados á estratexia de ensino dixital. Serán espazos de creación deseñados e dotados para fomentar as competencias STEM (Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía), onde primen os novos métodos pedagóxicos de traballo colaborativo, solución de problemas reais e fomento de habilidades creativas. Para iso, vaise tomar como referencia a experiencia piloto dos Espazos Maker que se implantaron en 20 centros educativos. O Goberno galego quere agora que cheguen a todos.

Ademais dos espazos físicos, cun novo concepto de aula multifuncional e polivalente, o plan inclúe a dotación material con recursos de intelixencia artificial, robótica, domótica, procesado audiovisual, mecanizado e electromecánica, entre outros.

Trátase, en palabras de Román Rodríguez, de “avanzar cara centros educativos intelixentes” que, á súa vez, estean “abertos ás comunidades locais” onde se fomente a co-creación e a participación de alumnado, profesorado e familias.

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica está dotado cun investimento de 191M€ para esta lexislatura, e nel faise fincapé nos aspectos académicos −como o deseño de espazos ao servizo da transformación dixital−, nos aspectos das infraestruturas propiamente ditas −con espazos máis amplos, mellor ventilados, máis saudables e máis confortables−, e de sostibilidade enerxética e medioambiental −coa instalación de centrais de biomasa, entre outros−.

Agradecemento ao traballo desenvolvido

Román Rodríguez aproveitou a súa intervención para agradecer aos equipos directivos e aos docentes o traballo desenvolvido desde o inicio de curso, e sobre todo neste trimestre que agora remata.

Pese a que “non foron uns meses doados, debido ao impacto da terceira onda da covid”, o conselleiro subliñou que “debemos estar enormemente orgullosos” da dedicación dos equipos directivos, o profesorado, o persoal non docente e, por suposto, alumnos e familias”.

Convivencia

Doutra banda, o conselleiro tamén deu conta da celebración da terceira macroenquisa de diagnose da convivencia nos centros escolares, unha ferramenta que permitirá testar o estado actual da convivencia nos centros así como trazar a evolución dos últimos anos, ao poder establecer unha análise comparativa cos datos obtidos nas anteriores convocatorias de 2015 e 2019.

A partir de agora, este macrocuestionario de carácter censal para conxunto da comunidade educativa vai ter un carácter bianual, e formará parte da nova Estratexia Galega de Convivencia 2021-2025, que se está elaborando.

Así mesmo, informouse ante a Xunta Autonómica de Directores da prórroga da vixencia dos libros de texto para o próximo curso, co fin de evitar un gasto extraordinario nas familias. Esta decisión atinxe aos manuais de 4º e 6º de Primaria e de 1º e 3º de ESO, que era os que tocaba renovar en setembro. Así pois, a súa renovación farase coincidir coa entrada en vigor dos currículos da nova lei educativa Lomloe a partir do curso 22-23.
 

Imaxes relacionadas