A Xunta lamenta que o reparto de fondos do Estado para as axudas fronte á covid-19 non sexa realista e proporcional ao número de autónomos e microempresas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, criticou hoxe que os criterios do Estado para a distribución dos cartos non respondan á finalidade das axudas que van dirixidas a dar liquidez a autónomos e microempresas

Destaca que Galicia recibirá 234,4 millóns de euros cando lle corresponderían, como mínimo, 340 millóns

Para a conselleira resulta “incomprensible” este reparto e considera que “primeiro distribuíron os cartos e logo estableceron os criterios”

Vigo, 26 de marzo de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lamentou hoxe que o reparto dos fondos do Estado para dar liquidez a autónomos e empresas para facer fronte ás consecuencias da pandemia non sexa realista e proporcional ao número de autónomos e empresas de cada comunidade autónoma. Lorenzana explicou que os criterios establecidos polo Estado están vinculados ao desemprego xuvenil e ao índice de renda, polo que “non teñen absolutamente nada que ver coa finalidade das axudas, que son apoios directos para dar liquidez aos autónomos e ás microempresas”, indicou.

A conselleira criticou, deste xeito, que o Goberno Central non empregue ningún criterio de reparto que teña que ver con número de autónomos e de microempresas que hai nas comunidades autónomas.

Galicia recibirá, así, 234,4 millóns de euros fronte aos 340 millóns de euros, como mínimo, que lle corresponden. É dicir, recibirá pouco máis dun 4% dos fondos. “Se tivésemos en conta un criterio realista, proporcional ao número de empresas roldaríamos o 7%”, engadiu. Para Lorenzana, así, resulta “incomprensible” este reparto e considera que o Estado “primeiro distribuíu o diñeiro e logo estableceu os criterios”.

A Administración autonómica deseñou, aprobou, xestionou e abonou “en tempo récord” axudas aos autónomos, microempresas, hostaleiros e outros sectores pechados polas restricións sanitarias. O Goberno galego en catro meses mobilizou 161 millóns de euros de fondos propios, entre o primeiro e o segundo Plan de rescate, co único fin de protexer o tecido produtivo. Na actualidade está a realizar con axilidade os pagos do segundo Plan, que se rematarán entre marzo e abril, e xa está a deseñar un terceiro Plan, da man tamén da patronal, sindicatos e autónomos. A Administración autonómica traballa para simplificar “a excesiva burocracia” que esixe o Goberno central para acceder a estes cartos.