A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe no evento de presentación de resultados do proxecto de cooperación Migramiño

Galicia e Portugal liberaron no tramo internacional do Miño máis de 100.000 xuvenís de salmóns e 1.600 quilos de anguías desde 2017

Grazas a esta iniciativa transfronteiriza, financiada con fondos da UE e liderada pola Xunta, sentáronse as bases para xestionar por primeira vez os recursos pesqueiros da zona de forma común e harmonizada entre todas as administracións

A responsable autonómica salienta que o tramo internacional do río Miño xunto coa Reserva da Biosfera do Gerês-Xurés son os espazos naturais máis importantes e con maior riqueza que comparten galegos e portugueses

Propón impulsar unha estratexia verde compartida na Eurorrexión que lles permita avanzar na loita contra o cambio climático e na protección da biodiversidade

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

O proxecto de cooperación transfronteiriza Migramiño, liderado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que busca a protección e conservación dos peixes migradores na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, permitiu liberar nos últimos catro anos máis de 100.000 xuvenís de salmóns e 1.600 quilogramos de anguías no tramo internacional do río Miño (TIRM).

Este é un dos datos principais que hoxe se deron a coñecer no marco dunha xornada en liña organizada para facer a presentación dos resultados deste proxecto, financiado con fondos europeos Feder e no que colaboran desde o ano 2017 autoridades galegas e portuguesas.

Durante a súa intervención para pechar o evento, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, considerou que Migramiño supuxo todo un “fito” na colaboración en materia ambiental na Eurorrexión ao axudar a poñer en práctica un plan de actuacións compartidas para mellorar o estado ecolóxico e a xestión sustentable do espazo localizado na fronteira do Miño, a área natural “máis importante” que comparten galegos e portugueses, xunto coa Reserva da Biosfera do Gêres-Xurés.

A modo de exemplo, referiuse ás diferentes accións de repoboación realizadas nestes anos con xuvenís de salmón criados en instalacións da Consellería e que serviron para reforzar as poboacións de especies migradoras na conca compartida do río.

Así mesmo, a conselleira lembrou que tamén se acometeu a permeabilización dunha decena de obstáculos nos afluentes a ambos lados da fronteira co fin de facilitar o tránsito dos peixes na súa migración e, sobre todo, salientou o importante paso dado grazas ao proxecto Migramiño co fin de harmonizar as normas de pesca fluvial no TIRM.

Ao respecto, indicou que “por primeira vez” e de cara á tempada 2021 estableceuse unha base “consensuada e común” para xestionar os recursos pesqueiros desta zona, incluíndo un total de 31 medidas consensuadas entre administracións, científicos e pescadores que axudarán a protexer as especies fluviais de interese preferente do tramo internacional.

O traballo desenvolvido nestes catro anos no marco de Migramiño, tal e como explicou a conselleira, tivo resultados notables e serviu, ademais, para constatar o papel clave que xogan os sistemas fluviais como corredores ecolóxicos e a importancia e os efectos positivos dos investimentos que se fan na súa conservación.

Nese sentido, aproveitou a xornada para anunciar que a Consellería estenderá a experiencia adquirida grazas a Migramiño ao conxunto dos ríos galegos, a través da posta en marcha do chamado Proxecto mil ríos. Cun investimento estimado en 31 millóns de euros, o obxectivo deste novo programa será a recuperación dos humidais e sistemas fluviais da Comunidade a través da restauración de máis de 300 km e da mellora das poboacións de peixes nos ríos.

Así mesmo e tras agradecer a todas as entidades socias do norte de Portugal participantes no proxecto Migramiño o seu traballo e implicación nos últimos catro anos, Ángeles Vázquez convidou en particular ao Instituto de Conservación da Natureza e as Florestas a traballar da man da Xunta de Galicia nunha estratexia verde compartida para potenciar e mellorar a conectividade dos espazos naturais, a ambos lados da fronteira. Deste xeito, engadiu, favorecerase a adaptación climática deste territorio, creando corredores ecolóxicos compartidos que sirvan de base a un futuro Plan de infraestruturas verdes transfronteirizo.

Outros participantes

Na xornada participaron tamén José Antonio Quiroga Díaz, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e Xosé Lago, director de AECT Galicia-Norte de Portugal, ademais doutros representantes de institucións portuguesas socias participantes no proxecto, como Inês Andrade, administradora rexional da Agência Portuguesa do Ambiente, e a directora rexional norte do Instituto da Conservação da Natureza e das Forestas, Sandra Sarmento, abordarán os desafíos futuros para a conservación de especies fluviais migradoras na Eurorrexión de Galicia-Norte de Portugal e as posibles accións de colaboración.

En representación da Xunta, tamén fixo unha exposición xeral sobre os obxectivos do proxecto e presentou os resultados relativos ao reforzo das poboacións de salmón e de anguía o xefe de servizo de Patrimonio Natural en Pontevedra, Pablo Caballero.

Imaxes relacionadas