A Xunta pon en valor en Vigo o Programa Integrado de Emprego de Asime que acadou un 54% de inserción laboral na última edición

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza na cidade olívica cos representantes da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia á que pertencen máis de 600 empresas

A entidade ten en marcha, co apoio da Administración autonómica, un novo programa de emprego que comezou en novembro e xa logrou incorporar ao mercado laboral a 23 persoas desempregadas

Lorenzana destacou o proxecto Empreganav, co que colabora Asime, para a reinserción laboral de traballadores da industria auxiliar do naval de Galicia, que xa está en marcha coa participación de preto de 150 persoas

A Xunta investiu nos últimos dez anos máis de tres millóns de euros en diferentes actuacións para apoiar o labor de Asime

Vigo, 26 de marzo de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Vigo un encontro cos representantes da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), que representa a máis de 600 empresas galegas deste sector ás que ofrece diferentes recursos e servizos para potenciar a súa competitividade e o emprego. Trátase, en palabras da conselleira, dunha “asociación referente” coa que colabora a Administración autonómica para apoiar un ámbito con moito peso no tecido industrial galego: o metal e as súas tecnoloxías asociadas son fonte de máis de 57.000 empregos e catalizador do 20% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia.

Entre as iniciativas de Asime que apoia a Xunta, Lorenzana puxo en valor o Programa Integrado de Emprego (PIE), que na súa última edición recibiu unha axuda do Goberno galego de 250.000 euros e acadou a inserción laboral do 54% dos seus participantes, unha cifra superior ao obxectivo inicial, fixado no 35%. Ademais, Asime ten en marcha unha nova edición deste programa de emprego que volveu a contar cunha colaboración da Xunta de 250.000 euros. A iniciativa comezou o pasado mes de novembro e xa logrou incorporar ao mercado laboral a 23 persoas.

A titular de Emprego e Igualdade destacou que estes programas integrados están dirixidos a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas sen emprego, orientándose ao asesoramento e á mellora de competencias en habilidades emprendedoras, sociolaborais, tecnolóxicas e en idiomas para aumentar as posibilidades de que os participantes atopen un traballo.

Lorenzana, ademais, fixo referencia ao proxecto Empreganav, co que colabora Asime, para a reinserción laboral de 500 desempregados pertencentes á industria auxiliar do naval de Galicia. A iniciativa conta cun orzamento de máis de 3,3 millóns de euros (a Xunta contribúe con 1,3 millóns) e está cofinanciada con fondos europeos. Comezou o pasado mes de novembro e se estenderá ata o ano 2022. Na actualidade, Asime está dando servizo xa a preto de 150 persoas.

A Xunta, así mesmo, colabora con Asime en garantir a seguridade no traballo a través das axudas para o fomento de actividades de prevención de riscos laborais das que Asime foi beneficiaria o pasado ano con 30.000 euros.

En total, a Xunta investiu nos últimos dez anos máis de tres millóns de euros en diferentes programas para apoiar o labor de Asime, que leva máis de 40 anos defendendo os intereses do sector do metal de Galicia.

Imaxes relacionadas