A Xunta participa na xornada de presentación de resultados do proxecto Migramiño para dar a coñecer as actuacións fluviais realizadas na conca internacional do Miño

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, dará a coñecer os retos futuros para a conservación das especies fluviais migradoras na Eurorrexión de Galicia e Norte de Portugal

A xornada, que se desenvolverá en liña e que está aberta a todo o público con inscrición previa en www.migraminho.org, permitirá identificar as accións de protección e xestión sustentable realizadas no Tramo Internacional do Río Miño
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participará na xornada de presentación de resultados alcanzados do proxecto de cooperación transfronteiriza Migra Miño-Minho, cofinanciado pola Unión Europea.

O obxectivo deste proxecto europeo é mellorar a protección e a xestión sustentable do espazo natural de fronteira do Tramo Internacional do Río Miño, incluíndo os seus afluentes.

O evento celebrarase en liña, o venres 26 de marzo, a partir das 10.00 horas. As inscricións, gratuítas e abertas para todo o público, pódense realizar en www.migraminho.org.

Tamén participará Xosé Lago, director da Agrupación europea de cooperación territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, e José Antonio Quiroga Díaz, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ademais doutros representantes de institucións portuguesas socias participantes no proxecto, como Inês Andrade, administradora rexional da Agência Portuguesa do Ambiente.

O obxectivo desta xornada é presentar os principais resultados alcanzados polas entidades socias participantes en canto á permeabilización de obstáculos nos afluentes do Tramo Internacional do Río Miño (TIRM), ás actuacións de recuperación de hábitats ripícolas e ao reforzo das poboacións de especies migradoras na conca do Miño. O evento finalizará coa exposición das medidas de xestión de pesca fluvial adoptadas para mitigar as presións pesqueiras.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora rexional norte do Instituto da Conservação da Natureza e das Forestas, Sandra Sarmento, abordarán os desafíos futuros para a conservación de especies fluviais migradoras na Eurorrexión de Galicia-Norte de Portugal e as posibles accións de colaboración.

Descarga aquí o programa da xornada:
http://migraminho.org/wp-content/uploads/2021/03/Programa-Final-MM_esp_.pdf