Luis López destaca o compromiso da Xunta na modernización da formación profesional para adaptala ás demandas laborais das empresas na súa visita ao CIFP A Granxa de Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salienta “o traballo, a especialización e a innovación” deste centro integrado, que este ano imparte once ciclos formativos coa estrea de 'Aceites de oliva e viños' con formato dual

O representante autonómico pon ao instituto ponteareán como “exemplo da formación específica, orientada neste caso ao sector primario, e cunhas instalacións magníficas de 8 hectáreas que o converten en referencia en España”

Ponteareas, 25 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitou este mediodía o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Granxa de Ponteareas, un dos vinte que hai en Galicia, e destacou o compromiso do Goberno galego na modernización destas ensinanzas para adaptalas ás demandas e necesidades laborais das empresas.

“A aposta da Xunta pola formación especializada e de calidade en aras da creación de emprego é indiscutible e evolucionou moito ao longo da última década, o que nos permite contar con institutos moi competitivos, un ensino de primeiro nivel, con prácticas que son fundamentais en moitos casos, e cunha oferta acaída e axustada ao que pide o mercado de traballo e o que necesitan as empresas”, indicou, ante o deseño dos ciclos formativos e a apertura do prazo de matrícula para o vindeiro curso 21/22.

O representante autonómico, que percorreu as instalacións co xefe territorial, César Pérez, e a alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, así como responsables do centro, salientou o “traballo, a especialización e a innovación” deste CIFP, orientado fundamentalmente á impartición de ensinanzas relacionadas cos sectores agrario, das industrias agroalimentarias e de seguridade e medio ambiente.

Ademais, Luis López explicou que a Xunta está renovando de xeito constante as modalidades de ensino segundo as demandas do mercado, o que motivou a estrea neste curso do ciclo de grao medio Aceites de oliva e Viños, que se imparte baixo o formato dual con prácticas en ata sete adegas e empresas da contorna.

En total, o CIFP A Granxa conta, na actualidade, con 11 especialidades, que son o grao básico de Agroxardinaría e composicións florais, os graos medios de Produción agroecolóxica e Xardinaría e floraría, os superiores de Educación e control ambiental, Vitivinicultura e Xestión forestal e do medio natural, os modulares de Paisaxismo e medio rural, Vitivinicultura e Xestión forestal e do medio natural e o grao superior a distancia de Educación e control ambiental.

O centro está considerado como unha referenza en toda España no seu ámbito formativo e dispón dunhas instalacións con máis de 80.000 m² nas que hai parcela vitícola con todas as castes galegas, parcelas de ensaios de plantacións, fincas para céspedes e estanques, máquinas e apeiros agrícolas, viveiros, invernadoiros, un pequeno embalse, adega e aulas da natureza e forestal, entre outras. “Creo que este centro é un exemplo da xestión da Xunta de Galicia e do traballo da súa comunidade educativa posto que ofrece unha formación moi específica e de calidade, orientada neste caso ao sector primario, que se adapta perfectamente ao que demanda o mercado”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas